Opinión

O VALOR SUPREMO DA PERSOA

Consciente ou inconscientemente, cada un ten a súa escala de valores: hai quen se deixa levar polas abundantes propostas da nosa cultura consumista; hai quen gasta tódalas súas enerxías na conquista de máis poder; hai quen loita sen desmaio para acadar un pouquiño máis de fama; hai tamén quen se preocupa principalmente da felicidade das persoas...


O traballo nestes eidos leva a moitas frustracións: non sempre se consigue o que se busca, ou non chegamos ao nivel que pretendemos. Frustracións agravadas pola loita establecida nos recunchos da competitividade; principalmente cando nos atopamos coas dentelladas que propinan abertamente aqueles que actúan sen escrúpulos.


Sería interesante descubrir qué clase de persoa se logra cos valores que traballamos efectivamente. Querendo ou sen querer, voluntaria e libremente ou por impactos recibidos, imos conformando a nosa personalidade. Ben mirado, este é o labor máis importante da nosa vida, porque é o camiño da nosa realización e felicidade.


Seguro que cambiarían moitas cousas da nosa vida se tiveramos a existencia centrada efectivamente na realidade da persoa. De que nos vale ter tódolos tesouros do mundo se nos perdemos a nós mesmos no medio de tanto trafego e tantas cousas?


Cando nos paramos realmente a considerar cómo nos sentimos, qué nos está pasando, quen somos realmente? Non se trata de buscas teóricas nin de respostas conceptuais, senón de encontrarse un a si mesmo tal como vai sendo. Como imos, se non, a progresar oportunamente? Como podemos madurar se non abrimos as portas do noso ser íntimo e canalizamos responsablemente tódalas súas enerxías e potencialidades?

Te puede interesar