Opinión

Uns contra outros

E todos para si. Teoricamente afirmamos a centralidade da persoa; pero na práctica todo xira en torno ao “eu”: para min. Velaí a medida, o criterio, o principal referente: eu.

Non dubidamos en discutir, en loitar, en agredir. Somos todos moi pacifistas; pero non tan pacíficos: se alguén toca o que consideramos dereitos propios, faise inmediatamente obxectivo directo da nosa implacable agresividade. Dende logo, a culpa dos males tena sempre o outro.

Somos todos moi “educados”; pero nunca abundaron tanto os malos modos, os insultos explícitos, as clamorosas expresións, as mentiras rebuscadas e ferintes, chegando a considerarse a calumnia coma un elemento máis do debate e do combate. Vale todo?

Énchesenos a boca da palabra paz; pero tamén a estamos desvirtuando: a que chamamos paz? Desgraciadamente pode ser unha táctica e mesmo unha chantaxe. A historia do futuro ditará o seu implacable veredicto sobre situacións relevantes da actualidade.

Estamos nun momento en que se airean estas realidades, con insistencia constante digna de mellor causa. Tanto se reiteran as mensaxes camufladas, que chegan a facérsenos familiares; é outra táctica de “normalización” interesada.

Pola miña parte, digo o que penso e non me van deter os insultos estériles. Arríscome e acepto as consecuencias de proclamar a miña verdade: fáiseme fonte de liberdade, ainda a costa de ferir aos mentireiros que quedan en evidencia. Por outra parte, é ben máis fonda a intensa satisfacción de proclamar as miñas conviccións. Porque, ademais, a loita de uns contra outros está avanzando rapidamente nos eidos da nosa cotidianidade. A verdade e autenticidade da vida hanse abrir camiño ata reconquistar unha normalidade diferente. En todos nós.

Te puede interesar