Opinión

SILENCIO E PALABRA

Cando un se pon a escribir, nunca sabe ben o que lle van entender; non pode precisar perfectamente qué fibra da sensibilidade dos lectores vai tocar; non é quen a medir o alcance real do impacto que vai producir o seu escrito.


A verdade é que eu non teño a pretensión de que vaia influir grandemente cos meus escritos na sociedade da que formo parte. Desde logo, non me sinto oráculo, en absoluto. Bástame con facerlle algún ben tansiquera a unha persoa; así como me conmove profundamente a mera posibilidade de lle facer dano mesmo a un só lector.


Confeso que empeño o meu saber en servir o ben de todos e non facer mal absolutamente a ninguén. Pero na utilización dos medios de comunicación descubro, ás veces, moita superficialidade, moito afán de propagar o morbo, moito dogmatismo camuflado (e non tan camuflado), moitas xeneralizacións, moitos protagonismos, moitas 'estrelas' (que inflúen ampliamente desde o seu poder establecido), moito interese en impoñerse como sexa... Hai 'contertulios' que dominan, eles sós (cada un e todos), absolutamente tódolos temas; non falta quen se cre dono de tódolos saberes e de tódolos dereitos (ainda que algún deles está a roer sempre no mesmo óso); presentadores que se empeñan en ridiculizar a tódolos que previamente seleccionan; responsables de programas que atacan continuamente as máis sagradas sensibilidades desde a súa impunidade ben amparada.


Certo que son infinitamente máis numerosos os periodistas bos e responsables, os espléndidos comunicadores, os estupendos formadores. Pero as posibilidades negativas deberían facernos pensar máis a todos. ¿Non deberíamos reaccionar con máis decisión frente aos que están a utilizar tan indebidamente os Medios? ¿Non deberíamos tomar conciencia de que moitas veces estamos impoñendo as nosas opinións e converténdoas en 'opinión pública' coas nosas insistencias, coas nosas sutilezas, coas nosas contundencias...?


Informar: ¿de que?; ¿a quen?; ¿a costa de que?; ¿como?; ¿non confundiremos, ás veces, o rumor coa noticia? Formar: ¿non preferímos o 'bombazo' da primicia antes que unha comunicación autenticamente veraz?; ¿formar qué clase de persoa...? Entreter: ¿con que medios?; ¿non recoñecemos ningún límite?; ¿medimos os influxos das nosas imaxes e das nosas palabras?


A nosa palabra é demasiado importante como para que a utilicemos lixeiramente, frivolamente, irresponsablemente, imprudentemente. Ás veces, o silencio oportuno, mesmo evanxeliza.

Te puede interesar