Opinión

Semana Santa

Que queremos dicir cando falamos de Semana Santa? Que significa "Santa"?  Hai xa entre nós moitos que evitan utilizar estas expresións: perderon o seu significado neste noso mundo, din; falemos de turismo, de ocio, de vacación, de descanso... e entenderémonos mellor, insisten.
As celebracións relixiosas tamén son un feito incuestionable. Algúns dos seus elementos son mesmo aproveitados como atractivo turístico (procesións de interese turístico nacional e mesmo internacional, por exemplo); ainda que prefiran falar de datos culturais.
Por que sentiremos tanto reparo en aceptar e respectar a dimensión relixiosa, tan valorada por moitos millóns de persoas?
O concilio Vaticano II recoñeceu expresamente a "autonomía das realidades temporais". Pero con isto non nega a súa dimensión trascendente senón que axuda a comprender a relación Deus-mundo en claves diferentes. Unha cousa é que todo se faga desde os dictados dunha determinada moral, e outra ben distinta é que se prescinda de toda moral; unha cousa é que se ordene a sociedade coma se todos tiveran que crer en Deus, e outra é que se rexeite a fe que poidan profesar libremente os cidadáns. Por non falar das aportacións sociais, antropolóxicas, culturais, artístixas da fe vivida e expressada; por que non publicamente?
A fe auténtica non aparta dos compromisos políticos, sociais, culturais... Máis ben intensifícaos, sen impoñer a propia comprensión a ninguén. Por que tanta dificultade en recoñecer efectiva e prácticamente a súa lexitimidade?  Por que non apoiar abertamente a coherencia dos verdadeiros crentes?  Non é un auténtico beneficio para a sociedade, para a política, para a universidade, para as familias, para os grupos, para as persoas...?
A celebración da Semana Santa é un momento significativo para o desenvolvemento histórico do noso grupo humano. Redúcese todo a pasar uns días sen preocupacións?  Deixámonos camelar fácilmente por propostas dun consumo pouco racional?  Lamentamos simplemente que xa non se conserven as tradicións doutras épocas?
Bríndasenos nestes días a espléndida oportunidade dun encontro plural e fecundo: coa natureza, coa familia, cos amigos, con outras persoas, con nós mesmos. Tamén con Deus?  Por que non tamén con Deus?

Te puede interesar