Opinión

GRAZAS

A súa verdadeira paixón, os seres humanos. A súa urxencia irrefreable, anunciar con enerxía vital e claridade a mensaxe de Xesús. Unha chamada insistente e ineludible, Africa. Unha concreción sorprendente, Kasempa. O sí de Xosé Manuel Bernárdez Gándara foi incondicional, conscientemente incondicional.


O reto presentóuselle fascinante, todo novo. Tamén sentiu novas forzas. Gándara é un home do campo: no máis profundo e positivo senso da expresión, un 'todoterreo'. Dende o principio deuse conta da insuperable fecundidade daquela terra. A sementeira da Palabra evanxélica significouse tamén na de froitos da nosa terra galega: ¿cómo que non se dan alí pementos de padrón, e dos outros, e tomates...?


Naceron colexios, e unha leprosería, e centro de atención a enfermos de sida; se é necesario cortar o cordón umbilical, él mesmo tamén o fixo.. Pero o máis importante: esmerado coidado integral de catequistas, auténticos motores das moitas comunidades da comunidade parroquial. Elas fan medrar unha intensa comuñón fraterna. E celebración festiva da fe e da vida.


Entrega arriscada: 'o que ha de acontecer, acontecerá', dicía; na vida e na morte; sempre entrañada a realidade nunha firme confianza en Desu, o Pai. Con esperanza activa. Con amor vigoroso. Velaí o dinamismo evanxélico que alentou sempre a misión de Xosé Manuel.


E caíron as fronteiras: Kasempa a Kamakechi, admirable expansión evanxélica. Novo proceso aberto xa. A semente galega e universal que era Xosé Manuel sementouse en Kamakechi: se a semente morre soterrada, froitificará. O seu 'unha e outra vez' converteuno Deus na súa misteriosa presenza 'para sempre'. ¡Grazas, Xosé Manuel Bernárdez Gándara! ¡Grazas polo teu Sí exemplar!


Te puede interesar