Opinión

O DON PRECIOSO DA PAZ

Un dos factores que marcan o ritmo da historia secular humana é a dinámica entre a paz e maila guerra. Desde as orixes irrumpiu a guerra como elemento de conquista, de defensa, de poder: tribo contra tribo, pobo contra pobo... causa de discordia e mesmo de ruína.


A paz foi sempre un ben ansiado e apreciado. Na serenidade fecunda das relacións humanas positivas florece a cultura vivificante. No aprecio mutuo engraian froitos de concordia enriquecedora. No respecto da pluralidade aniña a semente fecunda da convivencia verdadeira. A xustiza mantén a saúde vigorosa da humanidade.


Aprendemos a cobizar todas as autonomías, tamén a individual. E pensamos que nos corresponden todos os dereitos. Loitamos por eles, mesmo prescindindo de que tamén os demais teñen a súa autonomía e os seus dereitos.


Por este camiño chegamos con facilidade a unha especie de absolutización dos nosos intereses. E non nos faltan tentacións de pactar coa inxustiza. ¿Tentacións nada máis?


Seguro que non somos nós dos que chegan á destrucción do outro. Pero ben poidera ser que nos deixemos levar das nosas apetencias, aínda con dano do próximo. A inercia dos nosos obxectivos impúlsanos por mecanismos de dinámicas inconscientes, e podemos acercarnos a extremos non buscados.


Con máis forza funcionan os grupos de presión, implacables nunha cultura consumista de competitividades irrefreables. Nestes casos pódense favorecer violencias destructivas e mesmo a eliminación de persoas; foméntanse polo menos agresividades que tantas veces, agora mesmo, temos que lamentar. Eso sí, en nome do 'progreso'.


O verdadeiro progreso é constructivo: potencia a maduración das persoas e a revitalización permanente dos grupos, a saúde integral da sociedade. O verdadeiro progreso lógrase cando o ben total das persoas centra efectivamente as aspiracións, motivacións, preocupacións e esforzos; radica no aprecio mutuo efectivo; radica no traballo real e harmónico para que cada un realice con liberdade auténtica a misión que lle corresponde neste noso mundo; radica en que todos poidamos disfrutar dunha vida verdadeiramente feliz.


Así se constrúe a paz xenuína, don precioso para cantos a poden gozar. Esta paz dá vida ás persoas e ós grupos; é resultado dun esforzo compartido por quen mellor comprenden o ser humano.

Te puede interesar