Opinión

Deontoloxía profesional

O correcto exercicio dunha profesión implica aceptar o reto dunhas determinadas esixencias, axustarse no cumprimento duns concretos deberes. Esixencias e deberes que veñen impostos pola finalidade da profesión, as persoas afectadas, os medios utilizados, a preparación requerida, os resultados posibles, as limitacións inevitables, os recursos disponibles.

A ética profesional depende fundamentalmente da comprensión de persoa e da relación que con ela se establece por medio da devandita profesión: non é o mesmo traballar para beneficiar á persoa que traballar por outros intereses. Un pode gastarse para que as persoas estean a gusto, ou para ganar máis cartos, para lograr máis poder, para acadar unha fama máis dilatada.

Hai moitos que traballan 'a mínimos' para conseguir 'máximos'. No fondo, isto ven sendo a aplicación da mecánica de eficacia consumista: máximos resultados, mínimo custo. Claro que así queda afectada negativamente a preparación profesional actualizada, a pormenorizada atención á situación das persoas, a busca efectiva de novos medios, a proposta creativa máis alá das esixencias meramente legais. Evidentemente abundan tamén os profesionais íntegros, preparados, entregados, serviciais, que axudan sempre, que atenden con eficacia, que aportan o mellor de sí para beneficio de todos, que fan progresar a humanidade.

Considero que sería importante un exercicio de sinceridade, unha agarimosa e intensa aportación de franqueza: cal é o nivel da ética na realización das nosas profesións? Falamos todos dos nosos dereitos; pero, quen insiste nos seus deberes? Se cadra, non estaría de máis recuperar o estudio serio dunha ética actualizada no ámbito da propia universidade. E, desde logo, é indispensable afirmarse decididamente na íntegra realización da profesión en todos os ámbitos. Máis, en tempos de crise

Te puede interesar