Opinión

AGRESIVIDADE E PAZ

Estamos integrados nunha contorna cultural fortemente agresiva: xa o parto é unha loita múltiple (¿recíbennos neste mundo coa sacudida dun cachete?); en moitos casos a infancia é unha loita pola supervivencia; a xuventude é unha loita por abrirse camiño; a adultez é unha loita por manterse e progresar; a vellez é unha loita de resistencia. Esta loita permanente complícase progresivamente.


A historia vai cargando as distintas etapas con agresividades ineludibles, non sempre benfeitoras. Dende rapaces habituámonos a conseguir as cousas tratando de superar como sexa aos demais; no periodo de formación está moi presente unha competencia, implacable en moitos casos (entre profesores, e o salario; entre alumnos, e o futuro); a agresividade intensifícase, solapada ou abertamente, á hora de buscar traballo; non está pacificada a relación entre os traballadores e os que están no paro; ¿descansamos coa xubilación?


¿É irremediable este decurso vital? Unha cousa é o dinamismo, e outra a agresividade; unha cousa é transfundir á nosa historia as nosas enerxías potenciadas, e outra arrasar para beneficio propio; unha cousa é axustar con decisión as capacidades persoais para favorecer o progreso humano, e outra procurar por tódolos medios o meu proveito a custo do que sexa; unha cousa é compartir esforzos para mellorar, e outra aproveitarse para medrar aínda que teñamos que pisar.


¿É constructiva a agresividade? ¿É humanizadora? Normalmente leva consigo unha descarga hostil e perturbadora; isto non favorece a realización e maduración harmónica das persoas. Implica algún nivel de desestabilización; isto non favorece precisamente a firmeza da propia identidade no proceso humano persoal e de grupo. Tende á imposición; isto non se compadece ben coa indispensable liberdade. Unha paz enérxica e decidida é o contrapunto efectivo e indispensable.

Te puede interesar