Opinión

As certezas da nova galeguidade

As xogadoras do Porriño e do Guardés representan á nova galeguidade.
photo_camera As xogadoras do Porriño e do Guardés representan á nova galeguidade.

Non é a nosa terra un lugar con demasiadas seguridades. Nunca as houbo. Porque nunca foi doado ser galego. Os últimos en acadar as riquezas, os primeiros en recibir as borrascas. Un ADN forxado en aguantar que mexen por nós e digan que chove. No malo será. Na aceptación da derrota como a normalidade. Onde o estoicismo é arte.

Por iso, as certezas que deixa o derbi entre Porriño e Guardés desafían á galeguidade tradicional ó mesmo tempo que a leva a unha nova dimensión. Ningunha competición de elite en España ten un derbi galego que se celebre hai tantos anos de xeito ininterrompido. Ambos clubs rebélanse contra a resignación. E pode que perder sexa o normal para Don Quixote e Sancho no medio de tanto xigante. Pero nin na Louriña nin no Baixo Miño o aceptan. Non se conforman. Só así pode medrar o lume do balonmán ata alcanzar unha fogueira inmensa, con 1.638 persoas nas bancadas do Municipal no mediodía de onte.

A loita de Porriño e Guardés entre eles é conxunta no liderado do deporte feminino galego xunto a outros representantes. Mulleres empoderadas, fortes, independentes, que amosan a toda a sociedade que poden ser profesionais ó tempo que fan a súa vida. E, sobre todo, ensinarlles con feitos ás máis cativas que a pelexa por acadar algún día a igualdade total paga a pena.

Polas que están, coma Cacheda, Santomé, Prelchi, Samartín, Campo. Polas que estiveron, coma Lorena Pérez ou Doiro. Polas que chegaron de fóra para galeguizarse, coma Buforn, Barros, Inés Hernández, Míriam e África Sempere, Sandra Santiago ou Carla Gómez. Polas que virán no futuro. Polo noso deporte e por todas as mulleres galegas. Longa vida ó derbi. Longa vida ás certezas da nova galeguidade.

Te puede interesar