Opinión

Síntoma de mal goberno?

Os grandes homes, tamén as grandes mulleres, faltaría máis, sempre fixeron e dixeron grandes cousas que nos abraiaron a todos. Uns conquistaron o mundo, outras descubriron a radioctividade, aqueles a penicilina, outros e outras atravesaron océanos ou cruzaron a aceira de enfronte. Todos eles, ou case que todos eles, tamén fixeron de paso algunha que outra parvada. Ou dixérona.

Entre os grandes conquistadores está Napoleón, o corso inmenso e pequeno. Algúns han pensar que Hitler, por exemplo, tamén fixo guerras e conquistou territorios. Non lles faltará razón. Os dous, durante catorce anos, non máis, dominaron medio mundo e determinaron ó outro medio. Pero Hitler deixou unha herdanza de medo, terror e destrución e Napoleón deixounos un código que serviu de exemplo prá redacción doutros códigos civís que, dalgún xeito, douscentos anos despois, aínda seguen vixentes. Non é por comparar, pero entre os dereitos humanos e os valores da Ilustración e as cámaras de exterminio media un mundo que non é recomendable ignorar.
Sen embargo Napoleón tamén dixo (e fixo) algunhas parvadiñas. Hoxe toca falar das parvadiñas e non doutras cousas ningunhas. Por exemplo, por unha parte afirmou que “só se pode gobernar un pobo ofrecéndolle un porvir. Un xefe é un vendedor de esperanzas” mentres que, pola outra, non se recatou en dicir que “é necesario o emprego dun ton conveniente pra que os pobos obedezan e obedecer, falando en xeral, é temer”. Haberá xente que tema á esperanza? Ata é posible que si, que haxa xente que tema a esperanza, xente que mesmo a aborreza, pero tal xente case sempre acaba por suicidarse. Por iso é de imaxinar que un pobo que perda a esperanza acabe por poder ser considerado un suicida potencial.

O falar non ten cancelas, Napoleón tampouco. Creo que foi nunha espléndida novela de Max Gallo, máis biografía napoleónica ca novela, ou ó revés se ben recordo, onde lin que Napoleón deixou dito que só o seu destino era máis forte ca el; tamén que a súa política consistía en “gobernar ós homes como a maioría quixera ser gobernada” pois cría que “ese é o xeito de recoñecer a soberanía do pobo”. 

Será un síntoma de mal goberno que eiquí non pase nada logo do visto no Benidorm Fest? A opinión de cinco persoas, por moi cualificada que se pretenda, prevaleceu por enriba da de miles de cidadáns que pagaron por expresala mentres que os “cinco da fama” cobraron por emitila; por emitila grazas ó diñeiro público derivado dos impostos de miles de cidadáns, entre eles, tamén os que a maiores emitiron os seus votos. Agora saberemos se o goberno, poñendo orde na TVE, ou a oposición reclamándolle que a poña, están actuando como a maioría do pobo quere que se faga. Se non o fan, o mesmo o teixugo perde a esperanza vai e sae da tanxugueira. Cal o porvir que nos espera? Como quere a maioría ser gobernada?

Te puede interesar