Opinión

Rushdie no Pen Club

Houbo varios intentos anteriores, pero todos fracasaron. O PEN Club de Galicia chegou no 1989, se non me equivoco moito. Que eu recorde fíxoo logo doutros dous intentos. Nun deles porque alguén distraeu os cartos que aportaramos pró abono da primeira cota de membros do PEN Club International. Eu era dos convencidos, non da necesidade pero si da conveniencia, de que a literatura galega pertencese a unha organización mundial de escritores ocupada na defensa da liberdade de expresión, no amparo dos poetas, dos escritores e dos ensaístas encadeados polo mundo adiante por delitos de opinión; a un club liberal que acollese ós escritores e non só os orgánicos e propios dun sistema calquera, un club de homes e mulleres libres ocupados no difícil oficio de escribir. Así que, aproveitando que eu estaba de conselleiro, alá se foron a Maastrich, Carlos Casares e Luis G. Tosar a fin de procurar a súa entrada. Regresaron con ela conseguida logo de tantos intentos frustrados. Fixéronme o primeiro presidente da sección galega do PEN Club International. Xa abandonada eu a Consellería de Cultura, convocamos o Congreso Mundial do PEN a celebrar en Santiago de Compostela e, xa como presidente, conseguín unha substanciosa subvención, moi substanciosa, pra atender ós gastos da convocatoria. Como nalgúns circos se espallara a idea de que eu me fixera rico, decidín dimitir non se fora pensar que seguía a me enriquecer con parte da substanciosa subvención. Sometida a votación, saíu elixida Úrsula Heinze por un voto de diferenza. Eu fun o segundo máis votado. O voto decisivo foi o meu. Moito agradecín esa metade dos votos de xente que seguía a crer en min. Úrsula foi unha excelente presidenta. Ninguén llo agradeceu debidamente. Fixo ela máis por espallar a literatura galega alén das nosas lindes que non sei cantas axencias culturais. Pero nin flores. Somos así de agradecidos.
A ese congreso foron convidados grandes firmas da literatura mundial, entre eles Salman Rushdie. Asistiron todos os convocados. Rushdie acababa de ser obxecto dunha fatwa, ditada polo aiatolá Khomeini, que convocaba a que, Rushdie fose matado por blasfemo. Todo por escribir unha novela, "The Satanic Verses" ("Os versos satánicos", que ese e non outro era, é, o seu título).
Aparecín pouco polo Congreso. Cando o fixen foi pra saudar a vellos amigos e coñecidos, chegados de polo mundo adiante, pero non coincidín nunca con Rushdie. Moito lamentei con ter chegado a coñecelo. Teríalle preguntado moitas cousas. Agora veño de ler a longa entrevista que lle fixo Jack Livings, no 2005, e xa teño resoltas non só unhas poucas das curiosidades que a súa novela espertara en min senón mesmo algunhas outras suscitadas pola súa persoa. Recoñecendo o valor literario da novela, debo dicir que a min no me entusiasmou tanto como entusiasmara ós máis dos seus lectores coñecidos meus. Sobre a súa persoa non opino. A entrevista e complexa e longa. Pero máis o é a vida de calquera home feito. 

Te puede interesar