Opinión

Un par de libros e unha proposta

Ámiña idade sigo a desfrutar coa lectura. Malo fora que non fose así como o digo. Pero teño horas pra facelo. No máis do día leo por puro utilitarismo; primeiro leo os xornais -acotío leo tres impresos, logo un máis na pantalla deste PC no que estou a escribir neste momento- pero o fago pra ver se tran algo que me suxira algo. Convirán comigo que a realidade dos dous pasados anos ten sido moi monótona. Non sei se por confinada ou porque alá se nos foi a imaxinación aparvallada que quedou por unha praxe política levada en mans dunha casta que, contrariamente ó que se afirmou naquel xa lonxano 15M, atinxe a todo o espectro político e non só ós que se adoita citar sempre.
Quero dicir co anterior que non podo tirar moito dese fío, so pena de me repetir máis, bastante máis, do que adoita repetir a inxesta dunha lata de sardiñas. E iso que nos máis dos casos limítome a ler os artigos daqueles columnistas que admiro. Pero iso á súa vez limítanme. Non vou dicir o que eles xa dixeron. Así que deseguido paso “a tirar de biblioteca” e a botar man daqueles autores que recordo que me teñen dito algo nalgún momento. Entón collo un libro e busco aquelas das súas follas que teñen unha esquina dobrada. Fágoo porque sei que nalgún parágrafo desas follas permanece algo que me interesou e me deu que pensar.
Según o autor, según o pensamento e según estes dous así sairán estas páxinas escritas case que sempre ás mesmas horas. Chumbizas e inextricables ás veces, lixeiriñas en exceso outras. Espero que de cando en vez compense.
Cando leo por disfrute é xa pola noitiña. Se non estou moi canso, fágoo xa deitado porque se o estou, se estou moi canso o que fago é poñer unha serie desas adurmecedoras pra me quedar frito canto antes. Medio cento de páxinas, menos se estou grogui, e dúrmome coma un bendito, mesmo como se o fixera tendo a conciencia tranquila. Ou tal me gusta pensar.
Estes días pasados lin dous libros deliciosos. Editóunos Ézaro. Un deles -“Crónicas cancheras”- trata de algo do que non entendo moito. Trata de fútbol. Eu quedeime daquela do “¡Hala, Marcial, chulo y valiente!” Pero foi un gozo debullar as súas páxinas, unha por unha, grazas ó ben escritas que están, á fina ironía que destilan, ó retranqueiro humor que as ocupa diría eu que a todas elas. Escribíuno Xabier Fortes. Tomen nota.
O outro escribiuno Susana Fortes, a súa irmá, novelista que sabe de que vai isto do noso oficio de novelar historias; porque o que se di do oficio literario tamén sabe o seu irmao. Titulase “Pontevedra. Tal como éramos”. Léano tamén. Seguro que lles ha suceder como a min e desexar que alguén terá que recorrer ó mesmo formato e escribir outro cun titulo xa feito e consagrado “Ourense. Tal como éramos”.

Te puede interesar