Opinión

Estabulado no aeroporto

Non me gustan os aeroportos. Síntome neles como se poderían sentir os porquiños na feira do quince, en Allariz, cando os seus vendedores espetaban catro ferros no chan, facían un cercadiño tendendo uns cordeis e metían dentro ós bacoriños na agarda de alguén que os mercase pra os transportar a outro ou a outros lugares; as veces, atándolle un cordel nunha pata traseira e arreándolle no lombo cunha vareliña de vimbio. Ouh, que tempos!
Nos aeroportos élles igual. Primeiro fas unha cola pra facturar a equipaxe, logo outra pra pasar polo arco de detección de metais polo que por fin o fas logo de que, previamente, fixeras un streeptease parcial, consistente en te desprender do cinto, dos tirantes, ás veces dos zapatos, tamén da chaqueta e do reloxo do pulso, das moedas, dos chaveiros, das gafas e de todo canto se lle ocorra ós vixiantes de que ninguén acceda a bordo do avión sen pasar por esta experiencia previa que, ás veces, o que consegue e que se che veñan os pantalóns embaixo.
Logo vólvente estabular pra acceder ó avión; iso si, sempre coa mascariña posta malia que antes poideras poñer a roupa dentro dunha bandexa na que acababa de estar pousada outra roupa, o demo saberá de quen, contaminada ou non, vai ti sabelo, pero iso si gardando sempre a distancia de seguridade que che van recordando a cada pouco.
Xa no avión é outra cousa. Tanto requilorio e seguridade tanta, pero voas a Barcelona con cento oitenta e tantas persoas, pegadiñas unhas a outras, respirando un aire reciclado, desposuíndote das proteccións pra beber unhas cervexas e preguntándote porque se permite facer iso nun avión e non nas barras dos bares, tamén porque poden pilotos e persoal de cabina traballar nesas condicións e dar clases os profesores, por poñer tan só dous ou tres exemplos, e, aquela clase médica que tanto admiramos no comezo da pandemia pola súa entrega, que tanto respecto nos mereceu entón e aínda nos segue merecendo, segue celebrando consultas (ou así) por teléfono, receitando por teléfono e afacéndose a unha praxe que nin durante as maiores pestes acontecidas na historia se atreveron a afacer, cando menos os máis dos facultativos respectuosos cos seus xuramentos hipocráticos.
Decididamente non me gusta viaxar nos avións. Seguro que hai razóns pra manter o estado de cousas que se sinala, pero tamén seguro que se escapan ó meu coñecemento e que non vexo goberno que nolo explique á concorrencia. Dende eles, dende os avións e unha vez que estes van collendo altura podes ir axexando a distante paisaxe e isto da pé a contrastar e padecer outras tristezas, a dos encoros baleiros, os vales desertizados, as economías cuarteadas grazas ó prezo polo kw/h co que, día a día, nos agasallan as empresas enerxéticas a cambio de sancións (ai, que risa, tía Marisa!) que poden chegar, porque non sempre o fan, ós cen mil euros. Saben os lectores a canto podía ascender, alá polos finais dos anos oitenta, unha sanción imposta por un conselleiro de cultura a un alcalde por estragar unhas pedras do patrimonio monumental? Pois a trinta millóns de pesetas, sen consultar nin a rei nin a roque. Ou de cincuenta millóns coa aprobación colexiada do presidente e do resto dos conselleiros. Boten contas e traduzan a euros. Verán que risa.
Por hai adiante hai o que chaman centrais de bombeo que, en situacións como a que atravesamos, trasladan auga duns encoros a outros de xeito que regulan as canles e evitan desastres ecolóxicos e económicos coma os que nos estamos a atravesar mentres escachamos a rir comentando as multiñas de cen mil euros que fan tremer de angustia ós consellos de administración das grandes empresas enerxéticas que nos gobernan, algunhas con non poucos ex gobernantes comodamente asentados nos seus consellos. Non me dirán que non é como pra ser morrer de risa. Escríbolles todo isto días antes de volver ter que subir de novo a outro avión, algo que como ven non me apetece moito. Espero poder estar léndoo eu, xa de volta, cando saia no periódico. Un élles algo aprehensivo. 
Isto de se sentir nas alturas pode inducir a contemplar o mundo dun xeito insolente, pero o mesmo non é así; senón a conto de que ven o feito de que a utilización dos drones vaian gañando terreo día a día. Xa serven pra poñer multas de tráfico, por exemplo. Tamén pra vixiar os monte, é certo. E pra moitas cousas máis. Nunha miña novela, escrita hai xa moitos anos, un comisario de policía, trasunto dun tío meu que tamén o foi, utilizou o dron non so pra axexar o tellado dun convento de clarisas senón tamén pra enviar ó aparatiño a un restaurante a fin de que regresase dende el ó seu despacho transportando unha ración de callos. Tiven críticas e comentarios de todo tipo, pero moito me temo que fun un adiantado. Ás veces tamén un retrasado. Noutra novela que describe a vida do marqués de Sargadelos, un tío deste, constrúe un cabalo de madeira, un robot, e acode á misa do domingo montando nel con absoluta seriedade. Que pouca imaxinación ten este home, ou algo así, tiven que ler, miren que cousa se lle ocorre. Mal sabía o crítico que ese parente do marqués existiu e que foi quen de facer o que se describe na novela xunto con moitas outras fazañas semellantes. Realismo máxico, dixeron outros. E un corno! Éralles a pura realidade.
O mundo ándalles de atrás pra adiante, pero tamén de adiante pra atrás. Cando cheguei a Zurich, no ano 72 do pasado século, vin na estación como estabulaban ós nosos emigrantes nada máis baixar do tren. Igualiño que ós porquiños na feira do quince da que lles falei nada máis comezar estoutra páxina de hoxe. Non sospeitei daquela que así nos sucedería a todos chegada a hora de subir ós avións, eses que din que son tan baratos. Tanto que costa máis viaxar en taxi do Prat a Barcelona que voar en avión de Compostela a Barcelona, estabulados como se foramos sardiñas en conserva. Haberá que pedir explicacións. Ó millor resulta que non é tan gratis como no lo presentan. Canto reciben as compañías de aviación das alcaldías ou dos distintos gobernos por manter abertas as comunicacións entre capitais? Sairá ese diñeiro dos nosos impostos? Millor é non andar nos aeroportos, contemplando encoros e sentíndose coma se foras gando?
 

Te puede interesar