Cartas al director

Galiza nace en nós

Hai uns días regresei a Madrid desde Galicia, o meu lugar de nacemento e o país que estraño e quero. Entre moitas das cousas que alí lin, chamáronme poderosamente a atención algúns comentarios relativos á actual situación demográfica de Galicia. Galicia volveu aos niveis demográficos de 1973 tras o goteo desde o 2011 dunha constante caída natalicia, un incremento de falecementos entre os maiores e un repunte da emigración. Galicia perde cada exercicio ao redor de 20.000 persoas de entre 20 e 35 anos, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística. 
Visto así, é obvio que o peor está aínda por chegar ante a falta de substitución xeracional no mercado de traballo e sen poboación nas idades de referencia para a maternidade. Por iso, a Xunta propuxo un pacto contra a crise demográfica e espera alcanzar acordos cos axentes sociais, políticos e económicos. 
Segundo os expertos, o problema demográfico non se resolve soamente coa implantación de medidas en favor da natalidade. O adecuado sería xerar emprego e lograr incrementar os investimentos estranxeiros para atraer á poboación máis nova e que a que permanece que non se fose. 
Eu considero e asumo que este é o reto de todos os galegos, incluídos os da diáspora, xa que co noso impulso e implicación apontoaremos maiores posibilidades de traballo para a integración dos nosos mozos e a proxección internacional de Galicia e a súa economía. 
Neste sentido é de agradecer que Asomega (Asociación de Médicos Galegos) decidise celebrar en Galicia o I Encontro mundial de Médicos Galegos que pretende sentar as bases para alcanzar o equilibrio entre innovación, novas tecnoloxías e humanización da medicina, compartindo a idea da medicina galega que traspasa fronteiras e que combina ciencia, innovación e persoa. 
Outras asociacións de dentro e fóra de Galicia deberían copiar o exemplo e propoñer iniciativas mediante a posta en común de ideas e alternativas de fronte ao futuro co obxecto de establecer as liñas mestras para que se consolide a economía Galega cun respaldo societario o máis amplo posible. Impulsemos o noso sentimento común de Galeguidade integrando aos nosos mozos. “Non somos galegos porque nacéramos en Galiza, senon porque Galiza nace en nós”.