“A miña vida consistiu en ir tirando cara diante coa velocidade requirida, sempre que fora posible; eran tempos moi esixentes e as actitudes pasivas non levaban a ningunha parte; o meu obxectivo era estar en diversos sitios, multiplicarme e dar unha imaxe construtiva da sociedade”. Ao Padre Bieito Santos chegoulle a idade de xubilación, sendo enfermeiro no hospital do Meixoeiro, pero o que definiu a súa vida foi o seu labor como cura obreiro no Vigo da reconversión industrial dos anos 70.
Sindicalista de corazón e de acción, formou parte de USO na súa etapa como traballador da metalurxia no estaleiro e da CIG na área sanitaria. “Non cambiei por prexuízos de ningún tipo, senón polas circunstancias, USO era maioritario cando entrei en Ascon, pareceume que o mellor era seguir esa forma de proceder, nunca tivemos enfrontamentos serios”.
Xesuíta, ordenado sacerdote, adoptou unha misión xurdida en Francia e que tivo eco en España durante o tardofranquismo, onde os cregos, vivían e traballaban nas mesmas condicións que os obreiros, ao tempo que exercía a súa pastoral. Coa falta de vocacións e saturación do traballo parroquial, esta figura desapareceu do territorio de Tui-Vigo. Santos forma parte do último grupo de curas obreiros, hoxe xa retirados, que seguen na cidade: Julio Montero, que traballou en Álvarez; José Antonio Graña, da Metalúrxica e Antón Gómez, de Plásticos de Galicia. “Non sei se serán curas obreiros ou obreiros curas, pero eles teñen futuro na Igrexa e na sociedade para romper a dinámica actual distendida e fofa; hoxe terían un papel importante na vida laboral”. Tras medio século batallando, asegura: “Volvería a ser cura obreiro, iso téñoo moi claro”.
Co gallo da publicación da súa biografía a cargo de Silvestre Gómez na editorial Sept, o Padre Bieito recibíu a Atlántico TV na residencia da diocese, onde convive temporalmente con outros relixiosos. Xunto ao irmán Bailón, é o único xesuíta que queda en Vigo, tralo peche da comunidade de Teis en xuño pasado. “Aquí a vida é moi tranquila, está todo moi organizado; pola miña banda, manteño o contacto co plan comunitario e coa pastoral da parroquia, tamén participo nas marchas sociais que se organizan”.
Esa vitalidade, xunto ao seu compromiso foi o que lle chamou a atención a Silvestre Gómez, que se converteu así no seu biógrafo: “Traballou tantas horas na súa vida que parece imposible; á xornada laboral, engadíalle a actividade relixiosa e a súa implicación en múltiples asociacións”.
A súa dobre vertente e seu achegamento ás condicións reais dos feligreses espertou reticencias entre os seus compañeiros de hábito. “Houbo que non entendían que se podía reivindicar e expresar a opinión sobre os problemas, pero actuamos con transparencia e moitos reflexionaron, viron que había razóns de fondo para loitar e reclamar unha situación máis normalizada para a xente”.
Tampouco o tivo doado co resto da sociedade. “Había xente que chegou a dubidar da miña condición de párroco; diversos compañeiros da misión obreira secularizáronse, algo que sempre resulta traumático e preocupante para a comunidade, amais de favorecer unha visión desvirtuada da situación. Eu nunca tiven dúbidas, os compañeiros viviamos nun ambiente de compenetración que nos axudaba a salvar a situación”.
Padre Bieito: “Tratabamos de proxectar un xeito novo de vivir”
A acción dos curas obreiros non se limitou aos aspectos laborais e relixiosos. A súa influencia tamén se deixou sentir nas comunidades veciñais nas que habitaron. O Pai Bieito compartiu piso con outros misioneiros obreiros en Teis, no barrio das Flores. “Tratabamos de proxectar un xeito novo de vivir a base de promocionar melloras de todo tipo, comezando por promover a posta en marcha dun colexio para os nenos, xa que moitos estaban desescolarizados”. Coas rúas de terra que se enchoupaban ao chover, construiron, xunto cos veciños, as beirarrúas, asfaltaron o vial e levantaron un parque infantil. “Foi un traballo moi bonito e aprezado pola xente”, lembra. Comparando as condicións de vida de entón, o xesuíta valora o cambio social experimentado: “Hai liberdade é grande, amais hai compresión e maior colaboración entre os sindicatos e os partidos políticos para mellorar as cousas”.