Os fondos do helenista Evaristo de Sela chegan á Penzol

Stella Maris González Balbuena (filla de Evaristo de Sela), con Xosé Manuel Soutullo e Manuel Puga, da Penzol.
photo_camera Stella Maris González Balbuena (filla de Evaristo de Sela), con Xosé Manuel Soutullo e Manuel Puga, da Penzol.

A súa filla, Stella Maris González, fixo entrega á Fundación do arquivo persoal e dos libros en trece caixas

A Fundación Penzol e a filla de Evaristo González Fernández (Arbo, 1917- Vigo, 1994), Stella Maris González, formalizaron onte a doazón de fondos arquivísticos e bibliográficos do intelectual galeguista,  responsable da tradución ao galego das principais obras clásicas. No acto de entrega asinou o documento de recibido o presidente da Fundación, Manuel Puga, ante a presenza do seu director,  Xosé Manuel Soutullo.

O legado de Evaristo de Sela (nome literario) consistiu en trece caixas con documentos persoais como os títulos de estudos, os expedientes de preso en cárceres franquistas, unha autobiografía inacabada (manuscrita), amais dunha carpeta con cartas, cadernos, follas, contratos de colexios e recensións tanto de xornais como revistas; coa creación literaria en prisión como cadernos con poesías manuscritas escritas nos cárceres de Caldas de Reis, Illa de San Simón e San Cristóbal (Pamplona). Unha soa caixa está ocupada por un poemario de temática diversa que ocupa unha caixa de arquivo. O seu labor máis recoñecido, a tradución dos clásicos ao galego, atópase representado polos orixinais das traducións de “A Ilíada”, “A Odisea” e poesía neohelénica. As libretas do seu traballo como profesor: grego, latín ou arte e tres caixas con traballos de alumnos completan a documentación arquivista

Como material de biblioteca entregouse “A Ilíada” e “A Odisea”, editadas polo Consello da Cultura Galega. Poesía neohelénica, exemplares da revista “Seliña” e outras publicacións. A documentación está xa clasificada e ordenada para consulta na Fundación Penzol.

Te puede interesar