Coa illa de Toralla como fondo e un día algo revolto polo vento de sur e a choiva, que por momentos caeu forte. Así foi o comezo da tempada de traiñeiriñas, que tivo a primeira cita na Bandeira Concello de Vigo e que foi histórica coa presenza de deportistas cadetes, que este ano estréanse nos barcos de seis compoñentes.
No referente ás probas absolutas de sénior, o mando correspondeu a Tirán, que presentou unha boa cantidade de barcos e de moito nivel. En mulleres, as remeiras de David Serodio fixeron un ‘dobrete’. Mecos pechou o podio e Chapela rematou sexta, pero sen as remeiras que o pasado domingo gañaron o Estatal de bateis na Pobra.
En homes, o mellor tempo correspondeu ó club moañés pero fóra de regata ó facer un barco con remeiros de Amegrove, que aínda non trocaron a licenza. Deste xeito, a primeira praza foi para Chapela con Bueu no segundo posto a dous segundos. Completou o podio Vilaxoán.
Entre as xuvenís, o barco de Robaleira obtivo unha vitoria moi clara sobre Bueu, mentres que Chapela mandou entre os rapaces, pero con oito segundos de renda sobre Tirán. Pode existir loita este mes nesta categoría. Pola súa banda, os cadetes viviron a posta de largo na categoría con catro embarcacións femininas. Mecos foi a máis rápida, pero cun barco mixto, polo que a primeira praza recaeu en Samertolameu. Entre os rapaces vogaron sete barcos con primeira posición para Mecos por diante de Chapela e Samertolameu. Virxe da Guía foi cuarto e os tres barcos cruzaron a liña de chegada en soamente dez segundos. A categoría promete espectáculo durante as vindeiras citas.
Tras o comezo de onte en Coruxo, a tempada continúa este fin de semana coas citas de Bueu o sábado e de Moaña, no porto da Mosqueira, o domingo. Nesta ocasión é probable que xa coa presenza dos remeiros que participaron no Estatal de bateis e con menos barcos mixtos ó regularizar os trocos de licenzas. A tempada de traiñeiriñas é rápida.