Opinión

Pagar en galego

Desde hai un mes circula profusamente polas redes sociais unha campaña da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística instando á cidadanía a facer a declaración da renda en galego. Participan nela moitas persoas e coñecidos personaxes públicos.
É un dereito que nos asiste como contribuíntes, e que a Axencia Tributaria como un órgano da administración do Estado recoñece. De feito xa existen formularios no noso idioma. 
Un vello amigo de meu xa falecido, Francesc Ferrer i Gironés, que durante varias lexislaturas fora senador, promoveu un número considerable de iniciativas para denunciar as discriminacións que por razón de lingua eran a práctica xeralizadas en todos os órganos da administración e empresas públicas. Dese labor quedáronnos varios libros seus, salientando como compendio desta actividade parlamentaria “Lletres de Batalla (cartes per la llengua catalana)”. A actividade parlamentaria deste senador non foi secundada naquelas lexislaturas por ningún dos senadores galegos.Aínda máis, o grupo parlamentario socialista ao que estaba adscrito como independente, tratou sistematicamente de coutarlle o exercicio do dereito a defender as linguas cooficiais no exercicio da súa función.
Varias sentenzas do Tribunal Constitucional recoñeceron expresamente a obriga por parte dos órganos da administración estatal de adecuaren os seus servizos ao réxime da cooficialidade lingüística que a Constitución establece. Pero aínda hai focos de resistencia que só a vontade dos cidadáns pode vencer  demandando o amparo dos seus dereitos. Vellas inercias instaladas en despachos de directivos con mentalidade negadora do plurilingüismo que cómpre remover. Para que iso aconteza é precisa unha maior conciencia cidadá na defensa dos dereitos lingüísticos exercéndoos decontino.
Son moitos os espazos nos que podemos incidir. Pero para iso hai que vencer as tentacións da participación en puntuais escenficacións épicas que o tempo ten demostrado que teñen servido para  pouco. Os axentes da minorización  da lingua sábeno ben. Cómpre reaxir e poñer en práctica a pedagoxía do compromiso individual, que sumada a outras son as determinantes para provocar o cambio de hábitos lingüísticos. Seguir teimando no victimismo é un erro. Os que o practican son os mesmos  que agochan as súas inchorencias nel e actúan con desleixo e non mercan libros no noso idioma; a críse editorial así nolo demostra. Compórtanse sen aplicaren a discriminación positiva na compra de produtos de consumo e non escollen os galegos, e dentro deles os que se etiquetan no noso idioma.Son os que non reclaman das compañías de seguros e servizos (gas e electricidade,por exemplo) os recibos no noso idioma. Ou o que é peor, dan por feito que na desgaleguización das novas xeracións no ámbito familiar, eles non teñen nada que ver; bótallenlas culpas a outros axentes.
Pasemos da épica victimista ao optimismo da vontade.

Te puede interesar