Opinión

Un caravel na boca do fusil

Hai agora corenta anos da Revolución dos Caraveis, o 25 de abril de 1974, data na que o capitán Salgueiro Maia ocupaba o Torreiro do Paço de Lisboa con tropas e 25 tanques da Escola Prática de Cavalaria de Santarém. A sinal foi dada a través da radio Clube cunha canción de Zeca Afonso “Grândola, vila morena”. A insurrección, aínda que tiña unha forte compoñente militar, viña precedida por unha importante mobilización obreira, e as reclamacións de democracia, que colocaban nunha difícil situación o Governo de Marcelo Caetano, continuador do réxime (ditadura) salazarista. Semella lóxico, neste contexto, que a única oposición fose dos servizos segredos do réxime, a PIDE, e que a multitude que saíu celebrar o suceso colocase caraveis na boca dos fusís e dos tanques dos insurrectos. 
O aumento das contradicións internas en Portugal, concretado no empobrecemento, atraso e a emigración masiva, así como o descontente no exército por mor da guerra nas colonias africanas, serían as razóns que fermentaron o estado de ánimo no exército e deron pulo ao levantamento. Encol deste último aspecto di Vasco Gonçalves, xeneral que foi primeiro ministro en catro dos seis governos provisorios: “pódese afirmar que os milicianos eran todos contra a guerra colonial e contra do Governo” (Vasco Gonçalves; Notícias Editorial; Portugal; 2002). Referirase Gonçalves ao papel que os milicianos tiveron na creación do Movemento das Forzas Armadas (MFA) que foi quen deu o golpe militar do 25 de abril, e que axiña foi arroupado por milleiros de civís. A coordinación do golpe estaba a cargo de Otelo Saraiva de Carvalho. Os primeiros antecedentes do descontente eran do 28 de agosto de 1973 cando en Guiné-Bissau un grupo de 45 capitáns dirixían unha protesta ao Presidente da República Portuguesa. 
A difícil situación económica do país reflectíase no ingreso por habitante que era de só 1.006 dólares ao ano (1972), mentres que no Estado español atinxía 1.751 (1973), nos Estados Unidos de 5.550 (1972) e en Francia 3.824 (1973). Unha boa parte da economía e do crecemento era consumido pola guerra colonial, e a maioría da povoación vivía na pobreza ou con grandes precariedades, polo que entre 1961 e 1973 emigraron 1.200.000 persoas. Ademais a falta das liberdades básicas afogaban calquera mudanza deste estado de cousas. 
Os seis governos provisorios duraron dende o 16 de maio de 1974 ate o 20 de novembro de 1975. Neste período concedeuse a independencia ás colonias portuguesas, fixouse un salario mínimo, dereitos de reunión e folga, nacionalización do Banco de Portugal, metro, enerxía eléctrica, petróleo, TAP, siderurxia,... liberdade de asociación e de partidos políticos, de prensa, reforma agraria, etc. Foi un período en disputa, por unha banda o MFA e o PCP, e pola outra as forzas da dereita e sectores do exército, máis un partido socialista procurando rematar cos restos do réxime sen que mudase ren. Os bos resultados deste último nas eleccións á Asemblea Constituínte racharon co equilibrio e a súa saída do IV Governo Provisorio precipitou un cambio de tendencia. O V Governo Provisorio foi un respiro antes do golpe. O 25 de novembro todo remataba co nomeamento de Vasco Lourenço como comandante da Rexión Militar de Lisboa no lugar de Otelo Saraiva de Carvalho, e Ramalho Eanes convértese na figura central no Conselho da Revolución. 
A saída da ditadura en Portugal foi ben distinta da que houbo en Grecia e no Estado español, xa que no primeiro realizouse unha revolución mentres que nos segundos houbo unha transición. A diferenza entre estes procesos estivo sen lugar a dúbidas na participación activa e politizada dos militares, dando lugar a cambios estruturais, que foron derrubando os posteriores governos socialdemócratas e conservadores, así como a integración na Unión Europea.

Te puede interesar