Opinión

Vulnerabilidade das mulleres prostituídas en tempos de Covid

Este 25N de 2020 quero alzar a miña voz contra o sistema prostitucional que obriga a millóns de mulleres no mundo a ser usadas para a satisfacción sexual dos homes, xerando unha  escravitude que hai que erradicar. Fágoo cando estamos a padecer unha emerxencia sanitaria provocada pola pandemia global e onde as grandes esquecidas na crise da Covid19 son as mulleres prostituídas.

Estamos a falar de vítimas de trata e explotación sexual, invisibilizadas e extremadamente vulnerables. En España superan o medio millón de persoas que, amais de expoñerse a diario a todo tipo de abusos e violencias machistas con considerables riscos físicos e psíquicos, agora están expostas a un virus mortal, como sinala a Fundación Scelles, observatorio internacional contra a prostitución, e non están a ser visibilizadas nin protexidas.

É certo, como menciona Apramp, que “van contaxiarse” e nin sequera saberán o que teñen, converténdose entón en “material desbotable”. Porque si, hai que ter en conta que son mulleres e nenas que non teñen forma de comunicarse coas autoridades, que o confinamento agrava a situación e que, ademais, nin sequera teñen acceso ao sistema sanitario. Moitas delas son inmigrantes, en situación irregular. Se sempre se atopan nun escenario de extrema vulnerabilidade, actualmente están abocadas a un total illamento que as aliena aínda máis. As entidades que traballan con elas denunciaron que neste illamento faise case imposible o contacto e impide, por elo, a prestación de axuda. 
Moitos dos lugares nos que son explotadas pecharon ou actúan na clandestinidade. Isto obrígaas a seguir na prostitución en peores condicións das que xa estaban. Vense abocadas a elo porque teñen que facer fronte ao pago das habitacións nos clubs, prostíbulos e pisos onde están confinadas, facer fronte ás necesidades das súas fillas e fillos e ás débedas cos seus explotadores que medran a medida que se alonga o confinamento. Organizacións como Apramp ou Médicos do Mundo denuncian esta realidade e reclaman que os gobernos estatal e autonómico as considere poboación vulnerable para que poidan acceder a medidas de apoio económico e social. 

¡É urxente! ¡Non podemos esquecelas! Por iso, neste 25N de 2020 quero denunciar esta situación e esixir que se habiliten políticas de apoio con recursos para a vivenda, económicos e de emprego, que lles permita saír da situación de prostitución e violencia machista nas que foron atrapadas polos prostituidores. Pechemos os prostíbulos e dediquemos recursos para que non se siga promovendo a escravitude de mulleres. É unha cuestión de decencia sacalas do esquecemento e reclamar que as administracións actúen. Espero que este artigo sexa una chamada de atención para  unha toma de decisións que ten que ser inmediata. 

(*) Presidenta da Deputación de Pontevedra

Te puede interesar