Opinión

Non é libre elección. É machismo

Fronte á ocultación do que supón a mercantilización dos corpos das mulleres temos que falar alto e claro. Non! Non é certo que as mulleres elixan libremente alugar os seus ventres ou exercer a prostitución. Basta analizar a realidade das mulleres abocadas a padecer os máis abominables negocios machistas.

Son pobres. A maioría delas pobres, tanto as que son prostituídas como as que alugan os seus ventres. Trátase, como di a profesora da Universidade de Heidelberg Sheela Saravanan, “dunha opción entre dous males: ser pobre e ser explotada”. No caso da prostitución, mulleres que proceden na súa maioría de países do hemisferio sur ou de Europa do Leste o que converte á pobreza na base do sistema prostitucional. No caso das mulleres que alugan os seus ventres, mozas entre 25 e 35 anos, provenientes de fogares pobres, outras de fogares moi pobres e as restantes no nivel de subsistencia. Novamente a pobreza sitúase na base do sistema de explotación dos corpos femininos.
As mulleres non deciden libremente. Non escollen ser prostituídas ou alugar os seus ventres porque así o desexan ou por altruísmo. Non. “A igualdade é a alma da liberdade; de feito, non hai liberdade sen ela”, dicía a escritora Frances Wright. Se hai desigualdades entre mulleres e homes, se hai pobreza e necesidade, fraxilidade, miseria ou marxinación, as mulleres non poden tomar decisións libres e autónomas. A libre elección é, polo tanto, unha falacia. Non existe e non se pode xustificar baixo ningún concepto a explotación sexual e reprodutiva das mulleres aludindo ao mito da liberdade. Non.

Neste contexto de fraxilidade e pobreza que se sitúa como base do sistema de explotación sexual e reprodutiva de mulleres, o lobby patriarcal está a lucrarse e enriquecerse, moito. De feito, no caso da explotación sexual, a prostitución é unha industria multimillonaria da dominación masculina, un dos negocios ilícitos máis lucrativos en Europa, con beneficios de 3 mil millóns de dólares ao ano. E de Europa é España un dos principais países de destino da trata de mulleres e o terceiro país do mundo, segundo a ONU, en consumo de prostitución mentres que en Alemaña, esta “industria” sitúase por riba mesmo da automoción. Vergoñento.

No caso da explotación reprodutiva as cousas non cambian. De feito, considérase a este “negocio” dos de maior expansión no marco da economía global, que prevé acadar unha cifra no 2025 de 27.500 millóns de dólares no mundo segundo o estudo “The Global Surrogacy Market Report”. Deses 27.500 millóns que está previsto sume a industria da explotación reprodutiva dentro de catro anos, 17.700 millóns serán para as clínicas de fertilidade (o 64% do total). O resto repártese entre os bufetes e as axencias intermediarias, sendo soamente do 0,9% a porcentaxe destinada ás mulleres que alugan os seus ventres. Arrepiante.

Así que, neste 8 de Marzo, pregúntome ¿onde están os límites?¿que somos capaces de tolerar? Unha sociedade decente, que vive en pleno século XXI, non pode permitir que o neoliberalismo e o machismo máis salvaxes segan a campar ás súas anchas mercantilizando o corpo das mulleres para fins sexuais ou reprodutivos, onde as mulleres son escravizadas e explotadas. Así que, neste día fago un chamamento a toda a sociedade para que nos unamos e rachemos con esta industria violenta e insoportable. Consigamos eliminar as desigualdades globais que están a lexitimar, baixo a falacia da libre elección, a explotación de mulleres. O que acontece viola os dereitos humanos e converte ás mulleres en escravas. Así de claro! Por elo, é urxente pasar das palabras aos feitos para abolir, dunha vez por todas, estas industrias machistas e vexatorias que nos están a despoxar da nosa humanidade, dignidade, liberdade e dereito a vivir en igualdade.

* Presidenta da Deputación de Pontevedra

Te puede interesar