Opinión

A ciencia e o saber non poden ser unha carreira de obstáculos para as mulleres

Este ano desde a Deputación de Pontevedra poñemos o foco na paridade como reivindicación indispensable para conseguir a igualdade plena. Recoñecida en tratados internacionais, principio constitucional e dereito fundamental, a paridade non é outra cousa que a necesidade de que as mulleres, o 50% da poboación, ocupemos os espazos e a representación que nos corresponde en todos os eidos: na política, na economía e na empresa, nos medios de comunicación, no saber, na ciencia ou na Universidade, e na creatividade e na cultura.

España é o segundo país da OCDE con maior porcentaxe de mulleres novas con estudos superiores. No ano 2019 o 62% das persoas que lograron unha titulación no noso país eran mulleres, e tamén son femininos máis do 70% dos Premios Fin de Carreira. Os expedientes académicos máis brillantes en España teñen nome de muller, pero só o 28% decide matricularse nun grado de ciencias e moitas das que apostan pola investigación vense de forma inexorable expulsadas do sistema.
O  “Informe Mulleres Investigadoras CSIC 2020” desvela que as mulleres son a metade ao comezar a carreira investigadora, pero só un 26% acada finalmente os postos máis altos. A isto debemos sumar que tres de cada catro altos cargos nas universidades e organismos de investigación en España están en mans de homes ou que en oito séculos de historia, tan só vinte mulleres foron elixidas reitoras. A desigualdade é transversal e afecta a todas as universidades e ramas do saber. Dos 47 departamentos nos que se organiza a Universidade de Vigo, só 15 están dirixidos por mulleres.

Os datos son incontestables e demostran que os estereotipos de xénero que aínda persisten na sociedade, a falta de referentes femininas na infancia e na xuventude e as resistencias que deben afrontar as mulleres para acceder a postos directivos desaniman ás adolescentes á hora de ligar o seu futuro á ciencia ou á tecnoloxía. As que deciden facelo, ven retroceder a súa representatividade de forma inexplicable a medida que avanzan na carreira investigadora e son escasas as aliadas que se atopan nas reitorías ou nas cúpulas das academias científicas.

É necesario adoptar globalmente medidas urxentes para reverter esta situación e evitar un claro nesgo de xénero na toma de decisións en materia de ciencia, tecnoloxía, enxeñería ou matemáticas, que son as disciplinas que van a condicionar o futuro da nosa sociedade a corto, medio e longo prazo. Para facer fronte aos importantes desafíos que este século nos puxo por diante, non podemos permitirnos desperdiciar o talento, a intelixencia e a creatividade da metade da poboación, expulsada en moitas ocasións dunha carreira investigadora deseñada por homes e para homes con sistemas de traballo e valoración de méritos inflexibles e incapaces de adaptarse ás necesidades das mulleres.

A ciencia e o coñecemento en xeral non poden ser unha constante carreira de obstáculos para as mulleres nin espazos inseguros onde persista o machismo estrutural, os abusos de poder ou a discriminación de xénero. Desde a Deputación levamos anos traballando a prol da igualdade nas escolas e na difusión das STEM entre as mozas da provincia. A visibilización do talento feminino nos colexios e institutos faise imprescindible para imprimir confianza nas novas xeracións de mulleres que están por chegar e poñelas ante o espello de moitas outras predecesoras brillantes para demostrarlles que poden exercer un papel relevante na ciencia, a tecnoloxía ou as matemáticas se lles proporcionamos as mesmas ferramentas que aos seus compañeiros. Por este motivo, aproveito un ano máis o 8 de marzo para reivindicar que #SiHaiMulleres e que teñen contribuído de forma determinante a facer grande a ciencia en España con descubrimentos de relevancia histórica.

Por iso, nomeemos  este 8M e tódolos días a mulleres como a bioquímica Margarita Salas, a enxeñeira Elena García Almada, a física Mariam Tortola, a bióloga María Blasco, a biomecánica Montserrat Calleja, a doutora en medicina Flora de Pablo, a química Tarsy Carballas, a experta en robótica Teresa de Pedro, a biotecnóloga Ana María Vieitez ou a oceanógrafa Josefina Castellví, todas elas mulleres líderes nos seus respectivos campos de investigación que levan décadas abrindo camiño para poñerllo máis doado ás novas xeracións.  O noso recoñecemento a todas elas e a nosa demanda para que máis pronto que tarde todos estes nomes e os de moitas outras referentes do saber en España se incorporen aos manuais e libros de texto que se empregan hoxe nos centros escolares. É a nosa obriga como Administracións Públicas encher de referentes femininos as escolas e remover calquera obstáculo vixente que dificulte as mozas unha elección plenamente libre á hora de enfocar a súa vida laboral.

* Presidenta da Deputación de Pontevedra

Te puede interesar