Opinión

Alianzas dende o coñecemento para eliminar as violencias machistas

As administracións públicas non poden ser institucións alleas ao mundo, illadas en burbullas, senón que deben permanecer en contacto directo coa sociedade porque se queremos que o mundo avance con prosperidade e ofreza maiores oportunidades para todas e para todos precisamos contar co coñecemento. Témolo claro e por elo nestes anos temos impulsando unha rede de alianzas coa sociedade e coa universidade que nos están a permitir tomar decisións intelixentes baseadas na súa sabedoría atesourada. 
Sabemos tamén que para poder coñecer a realidade hai que poñerlle números, hai que estudala, analizala, realizar enquisas e investigacións rigorosas que permitan establecer o estado da cuestión. O que non se nomea, non se enumera, non existe, e isto é, precisamente, contra o que estamos a combater dende a Cátedra de Feminismos 4.0 que ten en marcha a Universidade de Vigo co noso firme apoio. Se hai algo que precisamos poñer riba da mesa, nomear, analizar e cuantificar é a violencia machista nas súas múltiples expresións, porque soamente con números, con cifras, con datos, poderemos facer fronte a aqueles que negan con rotundidade esta arrepiante realidade. Unha aterradora realidade que, segundo datos publicados por “The Lancet”, eleva a máis de mil millóns as mulleres do mundo, unha de cada catro, que teñen soportado golpes, gritos, vexacións e violacións polo feito de ser mulleres. É insoportable!
Dende que se puxo en funcionamento, a Cátedra de Feminismos 4.0 moito está a facer para promover a igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información, así como para rachar  os discursos negacionistas, para referenciar e visibilizar a mulleres de múltiples eidos e para analizar as violencias que padecemos polo feito de ser mulleres. Dentro das múltiples investigacións sobre as violencias machistas que lidera, interésanos enormemente as que teñen que ver coas violencias dixitais porque o relato negacionista, que está a normalizar e banalizar a violencia machista entre a mocidade, está a trunfar nas redes sociais, nos grupos de whatsapp, as canles a través das cales se informan as nosas mozas e mozos, onde se están a espallar as subculturas dixitais masculinistas.
Os estudos da Cátedra de Feminismos 4.0 están a alertar que a violencia machista dixital non é un fenómeno illado, senón que forma parte do continuo de violencia contra as mulleres, e que lonxe de desaparecer, está a estenderse a través do uso dos dispositivos tecnolóxicos e plataformas de internet: ferramentas que están a converter as violencias machistas nun feito omnipresente, que ocorre en calquera momento e lugar, sempre que haxa conexión á rede, e está a ter repercusións na vida real e na saúde mental e emocional das mulleres que a padecen. 
As investigacións da Cátedra aseguran que o 80% das mulleres con idades comprendidas entre os 16 e os 24 anos, nada máis e nada menos, sufriu acoso cibernético en redes sociais e que o 63% das situacións de acoso dixital lévanse a cabo por homes coñecidos da vítima. No caso concreto de  Instagram, preto do 60% sufriu acoso algunha vez.  Datos que referendan ademais os que publican outras institucións como o Instituto Nacional de Estatística ou o Instituto Nacional da Xuventude que afirman que os menores de 18 anos son o grupo de idade no que máis medra a violencia machista e onde máis aumenta o maltrato. Alarmante!
E, porque non, preguntémonos… se ese 80% de mozas que sofren acoso fosen en realidade mozos que acontecería? Negaríase a realidade ou estaríase a berrar para poñer en marcha mecanismos para facerlle fronte a esa violencia?  Pensamos que non fai falta resposta. Todas e todos estamos de acordo en que o impacto desas cifras na sociedade sería radicalmente diferente. Agardo que todas e todos sexamos tamén conscientes de que esa diferencia de criterio responde a, nada máis e nada menos, que á cultura patriarcal, misóxina e machista que está tan firmemente asentada na nosa sociedade. Unha cultura que lonxe de minguar está a activar toda a súa maquinaria e ferramentas para espallar a súa ideoloxía, calando firmemente entre a mocidade, e provocando que as violencias machistas segan a medrar. 
Pese a todo somos optimistas e positivas, porque só o optimismo cambia o mundo. O esforzo que estamos a realizar, herdado dos máis de trescentos anos de movemento feminista que tanto ten conseguido na súa historia, aínda que non o vexamos nós, como tampouco fixeron as nosas antecesoras, si o farán as nosas fillas e netas. Así que sigamos sumando esforzos, sinerxías, unidas, e berremos ben forte e alto que estamos fartas, que a violencia si ten xénero e que estamos esgotadas de ser nós as que a padecemos. Impulsemos, fronte ao negacionismo, argumentos, datos, estudos, tecendo alianzas dende a investigación, o rigor e o coñecemento para sacar á luz a realidade, compartila co conxunto da sociedade e poñer o foco no que é verdadeiramente importante: construír un mundo no que as nosas mozas medren coas mesmas oportunidades que os mozos, en igualdade, seguras, libres de medos, de acosos e de violencias machistas. Sei que é posible e, xuntas, imos conseguilo.

(*) Presidenta da Deputación de Pontevedra.

Te puede interesar