Opinión

25N: Un “non” alto e claro contra a industria da explotación sexual e reprodutiva

Sinala Rosa Cobo que “o patriarcado nútrese dos estereotipos de xénero convertendo ás mulleres en mercadorías mediante a creación de novas prácticas de escravitude protagonizadas polas mulleres ao servizo do capital”. 
Certamente soa forte cando o lees pero hai tanta verdade nesta reflexión que este 25N creo que é fundamental adentrarnos e denunciar esta violencia patriarcal que padecen millóns de mulleres en todas as partes do mundo.
Hoxe enfrontámonos a un novo capitalismo neoliberal que non ten complexos en extraer plusvalías dos corpos das mulleres.
Millóns de mulleres e nenas, a maioría en situación de pobreza extrema, son reducidas á condición de mercadorías para a explotación sexual e reprodutiva.
A pornografía, a prostitución e os ventres de alugueiro, que son prácticas incompatibles cos dereitos humanos, xeran grandes beneficios económicos que ameazan ás mulleres e que teñen entrado no debate público, incluso, con posicións que defenden a súa legalización.
É moito o poder e a capacidade de influír que teñen os que practican estas indesexables actividades e que pretenden que cale na sociedade que son admisibles se son voluntarias.
Frente a esta falsa teoría da libre elección eu pregunto en voz alta: Podemos falar de voluntariedade ou consentimento cando falamos de mulleres en extrema vulnerabilidade, que viven na pobreza extrema? A resposta é evidente: Non. Non pode haber consentimento, nin libre elección cando falamos de mulleres sen dereitos. Como moi ben di Rosa Cobo: “Cando a vulnerabilidade e a pobreza son o punto de partida, a liberdade disólvese e convértese na lei do máis forte”.
E é disto do que falamos, de usar o corpo das mulleres como mercadoría dunha industria ilícita e violenta, que xera multimillonarios beneficios a costa de dinamitar os dereitos humanos das mulleres.
Mulleres prostitutas, moitas delas vítimas de trata, mulleres agredidas, vexadas e maltratadas na pornografía, mulleres usadas como vasillas na industria dos ventres de alugueiro.
Millóns de mulleres que sofren formas brutais de abuso sexual e violencia para satisfacer a cobiza dun capitalismo salvaxe, sin límites.
É hora de que poñamos freo a esta barbarie, de que se tomen medidas legais que aposten con claridade por abolir estas prácticas abominables que padecemos as mulleres.
Este 25N eu quero clamar para que haxa unha gran oposición social a estas terribles violencias e para que logremos erradicalas, para que digamos un “non” alto e claro contra a industria ilícita da explotación sexual e dos corpos das mulleres.

(*) 1ª Tenente Alcalde e Concelleira da Área de Goberno de Patrimonio Histórico, Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística.

Te puede interesar