VIGO

Marea de Vigo quere recuperar o servizo de auga e saneamento

Rubén Pérez, onte, no encoro de Zamáns.
photo_camera Rubén Pérez, onte, no encoro de Zamáns.

nnn O candidato da Marea de Vigo á Alcaldía, Rubén Pérez, reiterou onte a necesidade dunha xestión da auga dende o público a través da remunicipalización do abastecemento e o saneamento, e lembrou que a remunicipalización é un debate que xa se deu ou se está a dar en cidades como Barcelona, Berlín, Bruselas, Dublin, Edimburgo, Estrasburgo, Ginebra, Milán, París ou Setúbal. Referiuse tamén a propostas como a “Rede Auga Pública” ou a iniciativa europea “A auga é un dereito humano”.
Para o candidato da Marea de Vigo, a cidade non debe quedar fóra deste debate internacional que ten en conta consideracións sociais e medioambientais para unha correcta xestión de todo o ciclo da auga.
Rubén Pérez fixo estas reflexións durante a visita a parroquia viguesa de Zamáns, onde se atopa un dos encoros que proporcionan auga á cidade. Alí percorreu, xunto coas persoas da candidatura da Marea de Vigo, o mercado que todos os domingos se instala no alto de San Cosme.
A proposta da Marea de Vigo sobre a auga pública salienta a necesidade de que calquera modelo teña en conta unhas cláusulas sociais que garantan o abastecemento para casos de pobreza ou exclusión social. Sinala tamén que é necesario establecer unhas tarifas axeitadas ao consumo, ao contrario do que sucede no sistema actual, no que, na súa opinión, unha grande parte da poboación paga por unha cantidade de auga que non necesita. Rubén Pérez sinalou que “se trata dun sistema arbitrario que, ademais, non incentiva o aforro ao tarificar trinta metros cúblicos de consumo en bloque”.
En calquera caso, defendeu que o único obxectivo que debe ter o abastecemento e o saneamento da auga debe ser o ben común, e non as estratexas de beneficios dunha compañía privada.

O Galiñeiro, Parque Natural
Pola súa banda, a candidata número dous da Marea de Vigo, Oriana Méndez, que tamén estivo na visita a Zamáns, manifestou que “na Marea de Vigo defendemos o contorno natural como ben común”. Por iso, engaiu, “esiximos que no que corresponde ao Concello de Vigo, se declare á Serra do Galiñeiro como Parque Natural, para a súa efectiva protección”.
Na visita a Zamáns tamén participaron o número tres da candidatura, Xaquín Pastoriza e a número catro, Estela Miler. No mercado do Alto de San Cosme coincidiron con outra das candidaturas de unidade popular da bisbarra: GañaMos. n

Te puede interesar