ENTREVISTA

Carme Varela: "Os mosteiros eran os últimos reductos de poder feminino na Idade Media"

Carme Varela recupera o drama das monxas de Albeos.
photo_camera Carme Varela recupera o drama das monxas de Albeos.

San Salvador de Albeos, en Crecente, foi un dos mosteiros femininos da Orde de San Bieito máis poderosos da Idade Media, asoballado pola Coroa de Castela no século XV. Levantouse nos terreos que lle corresponderían a San Paio na súa localidade natal de Crecente, dentro da Diocese de Tui-Vigo. O neno mártir que morreu pola súa fe ante a mans dos musulmáns no século X. Só quedan as ruínas da igrexa románica, propiedade dunha familia viguesa. Carme Varela  gañou o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais con “As desterradas”, unha recreación do que puido acontecer neses últimos días no que Albeos estivo habitado. Este domingo O Sorriso de Daniel organiza unha nova limpeza do mosteiro, que acollerá nunhas semanas a presentación oficial do libro, editado por Xerais.

Canto hai de verdade no que conta “As desterradas”?

As protagonistas son ficticias, o que é realidade son as circunstancias. Apelo á pouca documentación que quedou dun proceso que se desenvolveu dun xeito tan estrano, que nen os que gañaron quixeron conservar os papeis. Deseñei un sistema, que sen ser ao 100%, identifica todo o que aparece no escenario co ficcionado e o que se conta que aconteceu fóra co histórico. Nomean á abadesa Beatriz Cabeza de Vaca , foi un personaxe real ao igual que todo o que se recolle sobre o xuizo que fixeron contra ela, acusárona de facer vida fóra do mosteiro, de celebrar festas co pobo ou de chegar de Conxo cun saia moi chamativa.

Amais dun proceso político, semella tamén unha manobra contra o poder feminino.

O proceso que se sigue é contra as mulleres. Non só acontece en Albeos, tamén pasa en quince mosteiros dende Viceo, pasando pola Ribeira Sacra ou Sobrado de Trives. Cada un era un centro de poder sobre a súa comarca. Son dobremente desterradas porque lles fan abandoar os seus mosteiros para ir a San Paio de Antealtares, pero tamén lles quitan as súas terras.

Aconteceu o mesmo cos mosteiros masculinos?

Si, pero en menor medida. Do asasinato do reformador xeral que recollo na obra nunca se chegou a saber a súa autoría, se foron eles ou elas. Os mosteiros eran o último reducto de poder femenino, fóra deles a situación da muller daquela era moi complicada. Perdelos era perder o único lugar de independencia.

A trama tamén mostra unha perda da autonomía de Galicia fronte á Coroa de Castela.

Por un lado está a pelexa delas como mulleres, e por outro o conflicto territorial. Aconteceu un baleirado de poder da Galicia rural, algo do que se fala agora moito. Como hoxe, detrás hai unha concentración de poder, os interesese económicos das grandes corporacións fronte aos pequenos. Quixen deixar claro que o mosteiros incentivaban o desenvolvemento local, co seu peche acábase toda actividade. Resulta curioso ver esa loita cos ollos actuais, parece incrible que no Álbum das  Mulleres do Consello da Cultura Galega refíranse á súa fuxida de Antealtares como unha “situación cómica”, se o tiveran feito homes sería calificado de algo épico. Se lles restou valor a un conflicto que manteñen durante máis de vinte anos. É unha parte da historia que temos que recuperar como referente feminino.

Como xorde este texto dentro do traballo de recuperación da asociación O Sorriso de Daniel?

Chegamos a Albeos no 2012. Enviamos unha carta á Patrimonio, sen recibir resposta. Dende a asociación alertabamos do perigo de que desapareza o pouco que queda. Ten importancia relixiosa, xa que é o berce de San Paio, o mártir galego con máis difusión e tamén está a histórica. Ao falar cos veciños decatámonos de que a historia estaba perdida. Alguén dixo que daba para unha novela. Quedeime con esa idea e saíu este texto da súa forza que me conmoveu. Os historiadores deberán facerlle xustiza.

Te puede interesar