Bruno Arias, sobriño de Xela, dirixirá un filme sobre a poeta

Bruno Arias graduouse en Comunicación Audiovisual en 2020 e realizará un proxecto para honrar á súa tía.
photo_camera Bruno Arias graduouse en Comunicación Audiovisual en 2020 e realizará un proxecto para honrar á súa tía.
Está a piques de comezar a rodaxe de ‘A unidade componse da desorde’, unha película que pretende amosar a parte máis íntima da escritora, á que apenas puido coñecer

A unidade componse da desorde’ é unha contradición: unha longametraxe de non ficción sobre Xela Arias dirixida por un sobriño que apenas puido coñecer a súa tía. O filme xurdiu de forma orgánica. Bruno Arias, graduado en Comunicación Audiovisual en 2020, sempre quixo realizar un proxecto no que honrar a súa tía.

Cando estás estudando unha carreira relacionada co cine e tes na familia dúas referencias, miña tía e tamén meu avó, sempre lle das voltas a facer algo”, comenta o sobriño da poeta e director da película.

O recordo de Xela atopa en Bruno a contradición que compón o motor do proxecto: “Miña tía para min é moi importante, pero non a coñecín. Morreu cando eu tiña 5 anos”. O filme enfróntase de forma directa con ese dilema, despedázao para lograr “estar en paz”, pero tamén aprende a coñecer á poeta a través das lembranzas dos que puideron compartir máis tempo con ela.

A contradición aínda non está resolta e Arias -o sobriño- ten por diante un longo traballo de reflexión: “É o proxecto máis persoal que afrontei. Este ano tamén foi moi introspectivo, meditando sobre que me fixo ser como son, as miñas influencias familiares, a relación coa miña familia...”.

‘A unidade componse da desorde’ choca ás veces co síndrome do impostor: “Quen son eu para intentar un compendio dunha persoa que non falou comigo máis que para poñerme un chupete para que calase algunha vez?”. Con todo, a necesidade de homenaxear a súa tía, deixando atrás a figura pública e amosando a parte máis íntima, fai que se supere calquera tipo de contradición: “O que máis me interesa neste proxecto é comprender cada pequeno paso que ela daba. Por que decidiu deixar os estudos, por que os retomou? Saber cal é a parte humana de todo iso”.

Bruno lembra a súa tía en dúas ocasións. A primeira, recitando poemas nun parque durante a celebración dunha homenaxe. A segunda, a máis lúcida de todas, e aínda que o pareza “non é inventado”, é do día anterior a súa morte. Xela quedara a durmir na casa do seu irmán, pai de Bruno: “Vina pasar por diante da miña porta, mirei a súa silueta. Era de noite e non se vía nada, pero é o máis nítido que lembro dela, sobre todo a sombra do seu pelo”.

A idea naceu fai tempo, pero non foi ata finais de 2020 cando Bruno decidiu darlle forma. Xela Arias foi homenaxeada este 2021 no Día das Letras Galegas, o que lle deu ó filme o último empurrón: “Se había un ano no que comenzar o proxecto era aquí”. Con todo, ‘A unidade componse da desorde’ non é un produto feito para as Letras Galegas -o proxecto está programado para 2022-, vai moito máis alá. En palabras do seu creador, é “un achegamento a Xela Arias dende unha perspectiva íntima e familiar”. 

Un achegamento á autora como primeiro proxecto audiovisual

Ademais, o filme conta coa axuda ao talento concedida pola Asociación Galega das Industrias Culturais. O dossier presentado a AGADIC foi escrito por catro persoas: Bruno Arias, director e guionista; Miguel González na dirección de fotografía; Lucía Ramiro como coguionista e axudante de dirección e Bea Villar en produción. Todos remataron recentemente os seus estudos ou aínda os están cursando.

Nun primeiro momento, na procura dun ollar obxectivo, Bruno quería crear unha peza audiovisual neutra. A idea inicial debuxaba unha cronoloxía da vida de Xela, contada a través das persoas nas que deixou pegada. Actualmente, dista moito dese bosquexo. Agora é “unha especie de diálogo ou carta en diferido”, deixando claro que a súa influencia permanece a pesar de que ela non estea presente.

Coa axuda de Lucía Ramiro, Bruno deuse conta, pouco a pouco, de que era infactible fuxir dunha visión íntima e persoal. “Segundo vai pasando o tempo vaste involucrando máis. É imposible facer un documental sobre isto sen meterlle unha carga persoal”, di Arias. “Acabas reflexionando e vas vendo como che afecta, como a influencia da miña tía foi importante, como me constituíu, como me fixo ver a vida...

A nivel formal, o filme pretende seguir o espírito de Xela, denunciou o equilibrio e liberou á poesía para que excedera os seus límites e viaxara máis alá do libro. Bruno e os seus compañeiros son conscientes de que isto suporá un desafío, pero a fin de contas é unha extensión máis do pensamento de Xela: “Non hai outra maneira de facer algo sobre a miña tía, unha persoa que rompeu tanto co establecido, sen intentar buscar iso. Era raro facer unha cousa común. Ten que ser algo que nos coma a cabeza”.

A tensión creativa e a mestura de formatos caracterizarán ‘A unidade componse da desorde’, co obxectivo de que “sexa máis un proxecto de non ficción que puramente documental”. Parte da rodaxe comezará este ano, a máis grosa adiarase a 2022. A primeira proxección está lonxe e Bruno aínda non ten nada pensado. Con todo, ten claro que a súa familia será a primeira en desfrutar do filme: “Estarei moi nervioso, pero é o que ten que pasar”.  

Te puede interesar