Nigrán aposta polo comercio local en Nadal

Javier Fernández Dávila, co seu poemario a presentar.
photo_camera Javier Fernández Dávila, co seu poemario a presentar.
Un total de 33 establecementos do municipio participan na campaña extraordinaria de compras nas festas

O Concello de Nigrán, xunto coa asociación de empresarios Ovalmi, inician a campaña de Nadal de promoción do comercio local #EuSonDeMercarEnNigrán. Un total de 33 negocios de todo tipo se inscribiron este ano nesta iniciativa aberta a todos os comerciantes do municipio e que inclúe reparto de 8.000 bolsas de algodón entre os establecementos, envoltorios de papel, cartalaría en vallas e redes sociais, anuncios publicitarios... Como xa é habitual, os propios 'tendeiros' son os protagonistas de toda a campaña. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como leva facendo durante anos con campañas xenéricas ou en datas sinaladas como esta, a Pascua, Día da Nai ou do Pai... "No Nadal o consumo dispárase, e por iso, unha vez máis, queremos apelar a que se faga dun xeito consciente para que vaia en beneficio da nosa vila", explica o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa total disposición a colaborar con esta iniciativa, de feito, os asociados a esta entidade recibirán directamente no seu establecemento o material promocional (os non asociados deben recollelo na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán de 9:00 a 14:00).

"A campaña pretende motivar ao consumo local e, a maiores, o Concello ofrece actividades de Nadal que dinamizarán as rúas e, por suposto, desde hoxe tamén alumeado porque é algo que tamén dá vida ao comercio", engade. En total, 33 establecementos de todo o municipio solicitaron participar nesta iniciativa municipal tras realizarse un chamamento público no mes de Novembro, 20 deles estréanse na campaña e os demáis repiten. 

Libro de Dávila

Por outra banda, o Concello de Nigrán ofrece este xoves 14 de decembro ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal a presentación do libro de Francisco Javier Fernández Dávila 'Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas', obra gañadora do VIII Premio Antón Risco de novela curta. O autor, veciño de Nigrán, estará acompañado polo alcalde, Juan González, e polo escritor, editor e crítico literario César Lorenzo. "A obra amosa unha gran sensibilidade tanto no relativo á situación social que reflicte coma cara á literatura como elemento curativo. Asemade os personaxes están ben perfilados, especialmente a protagonista", sinalou o xurado no seu fallo. Fran Fernández Davila (Vigo, 1974) é enxeñeiro de Minas e MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo. Comezou a escribir no 2016.

Te puede interesar