Marisa Castro, docente xubilada da UVigo e escritora

Marisa Castro: "Os curandeiros asistían á xente do rural sen cobrar"

Marisa Castro, no set de Atlántico TV.
photo_camera Marisa Castro, no set de Atlántico TV.

A bióloga Marisa Castro, docente xubilada da UVigo, presentou na cidade o seu primeiro libro de ficción, “A saga das curandeiras”, e visitou o set de Atlántico TV para falar del.

 

 

Como naceu este proxecto?

É unha idea que eu tiña de facer sobresair o papel das curandeiras que durante moitos anos asistiron, sobre todo, no mundo rural; daban o mellor que tiñan e o seu tempo e non cobraban en diñeiro, por iso foron tan importantes. Eu son descendente de curandeiros, vin como funcionaban, anotei as súas receitas e pensei que debía saberse desde dentro.

É unha obra moi peculiar: unha biografía dunha personaxe ficticia. Como abordou a escritura?

Con moitos apuntes ao lado, tratando que fora coherente. Logo tamén tiven que buscar moita información na parte da Guerra Civil e a Segunda República. A forma de contalo, a través dunha xornalista que coñece á neta da curandeira, cero que fai o libro máis áxil e actual.

Tamén hai comentario social incluíndo partes da historia de España.

Si. Todo o que se conta da Guerra Civil e a Segunda República foime contado por persoas que a viviron, é algo real dentro da ficción.

Xubilouse hai xa dous anos da UVigo pero segue moi activa.

O día que pare será o que me leven para a incineradora (risas). Mentres a cabeza me funcione ben, seguirei. Nestes momentos, codirixo dúas teses de doutoramento e sigo facéndoo con traballos de fin de grao. Na casa teño un laboratorio de investigación micolóxica e sigo investigando e publicando.

Pero agora pode escoller o seu propio ritmo de traballo.

Claro, é distinto. Agora tómoo con moita máis calma.

Bota en falta a docencia?

Eu sen docencia non podería vivir, e iso corrixino dun xeito moi fácil: onde teño a casa en Portugal hai unha universidade sénior á que vou como alumna nunhas materias e como docente noutras.

Tamén coordinou o programa de maiores. Como foi esa experiencia?

Fantástico. Ter diante de ti a persoas que teñen tantas ansias de aprender foi fascinante. O que eles che ensinaban era moito máis do que ti lles dabas. Hai unha diferencia moi grande entre eles e os alumnos novos. Alí eles escollen as súas materias, asisten todos os días... Para min foi do máis gratificante que tiven na Universidade de Vigo.

Planea escribir máis libros de ficción?

Si. Rotundamente si. Dende o ano 82 escribín moita divulgación científica, pero agora quero facer ficción, pero un tipo de ficción no que segues divulgando algo. A dificultade? As editoras. Todas me pechan a porta porque nin son un nome moi coñecido nin unha persoa que a eles lles pareza que vai vender. 

Te puede interesar