Leticia Santos, alcaldesa de Moaña: "Fomos capaces de contaxiar a nosa ilusión á xente"

Leticia Santos, na súa investidura en 2019.
photo_camera Leticia Santos, na súa investidura en 2019.
A alcaldesa de Moaña, que repetirá no cargo grazas á maioría absoluta obtida, sinalou que é unha “honra” contar con tanto apoio

Leticia Santos seguirá catro anos máis como alcaldesa de Moaña e farao grazas á maioría absoluta de 10 concelleiros lograda o pasado 28 de maio nas eleccións municipais. “Nós aspirabamos a tela (a maioría) porque as enquisas dábannos 9 concelleiros, pero finalmente tivemos un reforzo moito maior”, sinala a candidata do BNG, que destaca que estes resultados son posibles porque “fomos capaces de contaxiar a nosa ilusión á xente e facer a todos partícipes deste proxecto colectivo”.

Xa en 2019, o BNG conseguira o máximo de votos da súa historia en Moaña, pero nestes comicios a formación encabezada por Leticia Santos acadou 1.600 máis: “Pensabamos que os resultados de 2019 estaban próximos ao noso teito, pero agora non sei se realmente tocamos teito ou non”, explica Santos, que reivindica que “este proxecto caracterízase polo amor por Moaña, pola ilusión de incrementar o ritmo de transformación desta vila e de acadar proxectos máis grandes”. Sobre o logrado estes oito anos ao frente do Concello de Moaña, a rexidora salientou que “a situación é moito mellor que en 2015 e agora estamos en disposición de avanzar nesa transformación con máis forza, e facémolo coa veciñanza integrada”. 

Santos apuntou como grandes ilusións para este  novo mandato facer realidade “o soño” de ter un auditorio municipal, comezar a construír o primeiro parque de vivendas sociais, unha nova escola infantil ou avanzar na humanización de espazos como Samertolameu ou o Cruceiro. En resumo, “seguir medrando sen deixar de atender ao pequeno”.

A alcaldesa de Moaña tamén se referiu ao acontecido coa Deputación, perdida polo bipartito PSOE-BNG para pasar a mans do PP: “Agardo que entendan que a maneira de gobernar correcta é a que houbo nestes oito anos, onde os fondos provinciais se repartiron con criterios obxectivos”. Santos recalcou que “este modelo beneficiou a todos os concellos da provincia e non só aos que tiñan gobernos progresistas”.

Te puede interesar