PIRAGÜISMO AUGAS BRAVAS

A decisión de volver a casa

Luis Fernández, tras cinco anos na Seu D'Urgell, prepara en Salceda o ano de augas bravas

Luis Fernández, de Salceda de Caselas, nunha competición da presente tempada.
Luis Fernández, de Salceda de Caselas, nunha competición da presente tempada.
A decisión de volver a casa

Una paso atrás para tomar forza e volver a navegar con máis forza. O palista de Salceda de Caselas Luis Fernández decidiu esta tempada regresar a casa tras cinco anos de concentración permanente no centro de alto rendemento da Seu D'Urgell porque "estaba un pouco desmotivado". Unha situación que rematou por unha decisión drástica de regresar e comezar de novo pero sen esquecer o seu modo de vida, o piragüismo en augas bravas. 
Deste xeito, o palista de Salceda explica que "o adestrador do pasado ano entendeu a decisión porque comprobou que non estaba no mellor momento", pero este inverno cambiáronlle o técnico da selección española e "agora non me fan moito caso. Eu estou preparándome ben, gañei a primeira Copa de España que se realizou ata agora e teño motivación. A pesar de non ter lugares de augas bravas para adestrar, estou máis implicado que o pasado ano e xa fixen varias concentracións no extranxeiro". 
O día a día de Luis Fernández na actualidade é unha loita contra o calendario e a distancia, algo que tamén se incrementa pola escaseza de choiva do actual inverno. "Por min pode caer auga todo o día. Así os ríos levan máis caudal e podo atopar mellores sitios". O propio río Tea, Pontevedra ou Portugal son os lugares ós que pode acudir para loitar contra os rápidos, pero a base do adestramento trocou ó estar en Galicia e "fundamentalmente teño que adestrar en augas tranquilas e tamén facer un importante traballo de ximnasio. A verdade é que, ata o momento, atópome ben". 
De feito, Luis Fernández impúxose na categoría absoluta na primeira Copa de España da tempada e nas vindeiras semanas terá dúas novas competicións, unha en Francia e outra a Copa Pirineus de La Seu D'Urgell, nas que poderá preparar o momento chave da tempada: as regatas selectivas para conformar o equipo español de cara os calendarios internacionais. Estas competicións son na localidade catalana (26-28 abril) e na francesa de Pau (2-4 maio). "Nestas competicións faránse un total de seis baixadas, que computarán as catro mellores, tanto para a categoría absoluta como para a sub-23", explica Luis Fernández e engade que "non son excluíntes. Se entro entre os tres mellores tería plaza para as citas internacionais da tempada. O meu principal obxectivo é estar no Campionato do Mundo, que se celebra a finais de setembro na Seu D'Urgell". 
Unha misión que obrigará ó palista de Salceda a sacar a súa mellor versión ós 22 anos e tras replantear a súa traxectoria profesional nun ano no que volveu a casa para recuperar a ilusión, pero no que "estou adestrando máis forte que antes, a pesar de que teño menos tempo porque comecei a estudar". 
Esta semana parte da selección española adestra no canal olímpico de Londres, pero o de Salceda está na casa, algo esquecido polo equipo de seleccionadores, pero no traballo en silencio para volver ó mellor nivel deportivo. Nun mes terá dúas semanas chaves na súa preparación.n