Cultura

Rosalía, ‘a nosa voz errante”

Rosalía de Castro e un dos seus retratistas, Modesto Brocos, percorreron o Casco Vello, comentando a conexión da poeta coa cidade.
photo_camera Rosalía de Castro e un dos seus retratistas, Modesto Brocos, percorreron o Casco Vello, comentando a conexión da poeta coa cidade.
O Casco Vello acolleu distintos actos polo 183 aniversario da poeta galega que iniciou o Rexurdimento, dende a ofrenda floral ata un percorrido dirixido por guías ataviados como a poeta e o seu retratista, Modesto Brocos

Colectivos como O Castro ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), xunto con administracións como a Deputación Provincial convertiron onte o Casco Vello na escea da homenaxe a Rosalía de Castro. 
Unha foliada amenizou o primeiro acto, na rúa Real, 12, onde O Castro e AELG fixeron a ofrenda floral ante a placa que lembra a publicación de “Cantares Gallegos” nese baixo, onde 1863 estaba a imprenta de Juan Compañel. Con este poemario iniciouse o Rexurdimento das letras galegas.

A propia Rosalía de Castro materializouse para acudir a nova sede da Deputación, na rúa Chao, xunto ao artista Modesto Brocos, autor dun dos retratos máis coñecidos da poeta. Antes ambos personaxes, acompañados pola presidenta da Diputación, Carmela Silva e un grupo alí congregado, fixeron un percorrido polo barrio histórico. Despois a escritora Montse Fajardo foi a encargada de facer lectura do manifesto da AELG, o mesmo que se escoitou en tódolos actos de homenaxe, escrito por Daniel Asorey.
No texto destaca de Rosalía o seu poder para dar alento ás xentes silenciadas “ás que lle roubaran ata as palabras”. Afirma que dende o momento en que sentenciou que a Terra era dos homes e das mulleres, “foi evidente que ela xa non precisaba apelidos; sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes polo mundo”. 

O manifesto tamén fai fincapé en como amosaba a migración, co desconsolo dos que ían, pero tamén dos que quedaban: “Dende entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller, a nosa voz errante polo mundo”. Pero tamén pon en valor a súa vixencia na actualidade, como voz de mulleres asasinadas, maltratadas, refuxiadas e viuvas do mar. “Grazas a Rosalía temos o sangue envelenado coa afouteza das que foxen; instalou en nós a insubmisión de ser e un futuro para soñar”. Conclúe cun chamamento: “Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que  decide o seu futuro e súa identidade libremente”.

A seguir, Pepiño Orjais amenizou o acto con música, que se combinou coa intervención teatralizada de Rosalía e Brocos.

A escasos metros, na sede da Federación Veciñal Eduardo Chao, os organizadores do acto organizaron unha sesión poética, na que se recitaron poemas de Rosalía. A intervención estivo aberta ao público. Neste encontro foi Marta Dacosta quen fixo lectura do manifesto escrito por Asorey para o 183 aniversario de Rosalía.

A visión viguesa da poeta por Eduardo Padín

Polo Día de Rosalía as redes sociais enchéronse de parabéns, mensaxes e imaxes para felicitar o día. O historiador José Luis Mateo, membro do Instituto de Estudios Vigueses e comisario de “A Escola de Artes e Oficios. 130 anos de historia de Vigo” botou man de dous fotografías publicadas en 1933 en  “Revista Galega”. Amosan o momento en que os Amigos del Arte fan entrega dun retrato de Rosalía a un matrimonio de indianos residentes en Bastabales, Gerardo Senra e Etelvina Boade,  en mostra de agradecemento polo apoio á cultura. “A asociación foi a primeira en pretender abrir un museo en Vigo, antes de Castrelos, porque nos anos 30 só había unha sala de exposición na rúa Colón e os cuadros mostrábanse nos locais comerciais”, apunta Mateo, que escolleu este retrato de Rosalía para reivindicar a Padín. “É un artista pouco coñecido, estaba en Amigos del Arte con Carlos Sobrino, Jesús Conde, Lobato, Rodal, Camilo Nogueira ou Ignacio Senra; na escola de Artes e Oficios consérvase boa parte da súa obra”.n

Te puede interesar