VIGO

Montse Pena reivindica ás pioneiras galegas da literatura infantil e xuvenil

Montse Pena visitou onte Vigo para presentar o seu estudo “Feminismo e literatura infantil e xuvenil en Galicia”, publicado por edicións Laivento.

Montse Pena, no centro, onte con Ledicia Costas e Roberto Pascual.
Montse Pena, no centro, onte con Ledicia Costas e Roberto Pascual.
Montse Pena reivindica ás pioneiras galegas da literatura infantil e xuvenil

“Recupero as escritoras pioneiras en Galicia a partir dos anos 70 que foi cando  comezou a desenvolverse o xénero”, apuntou a autora, quen tamén analiza a evolución destas publicacións en clave feminista.
María Victoria Moreno, as irmás Pura e Dora Vázquez, Xoana Torres ou María Xosé Queizán, autora da primeira novela xuvenil feminista en galego forman parte deste grupo de pioneiras. “Non todas son puramente feministas, mais fixeron unha importante aportación”, sinala Pena, que realizou este ensaio a partir da súa tese doutoral.
No seu traballo, demostra que os feminismos serviron na literatura infantil para que aumentasen as rapazas protagonistas (e os xeitos de selo) que aparecían nas obras literarias e para reivindicar e reler escritoras. “Sempre houbo mulleres protagonistas, o problema era como se desenvolvía o personaxe, o rol que representaban e o que agardaba delas”. 
Así, o feminismo deixouse sentir na elaboración dos referentes femininos na literatura destinada a rapazada. Pena asegura que “nos últimos tempos experimentouse un salto cuantitativo neste aspecto”.
O libro de Montse Pena amosa como nos últimos tempos cuestionaron a calidade e os valores das narracións, posibilitaron novas temáticas, deron presenza aos personaxes LGBT ou privilexiaron outros xeitos de ser nenos e mozos que escapasen aos corsés do xénero. Para a autora esta evolución da literatura “contribuíu a creación dun lector más crítico”. n