GUADI GALEGO Intérprete e compositora, presenta “Immersión”

“O consumo de música hoxe é de usar e tirar, sería complicado que xurdise un Berrogüetto”

Guadi Galego asinará discos mañá en Cartabón.
photo_camera Guadi Galego asinará discos mañá en Cartabón.
 Guadi Galego presenta un disco moi especial “Immersión” (con dúas emes).
Recolle once temas xa editados nos seus anteriores traballos e un inédito, pero interpretados ata en sete linguas diferentes: Castelán, galego, asturiano, Euskera, catalán, portugués e Occitano-Aranés. Hoxe sae ao mercado e mañá Guadi Galego estará en Vigo asinando cds, ás 19 horas, en  la librería Cartabón (Urzaiz, 127).
Foi un longo proceso que por fin chega ao seu fin, o disco compacto. Que lle recomenda aos seguidores?
Xa levamos tres adiantos, pero este é o formato físico, un disco moi coidado e moi artístico. Pídolles que o escoiten cos ouvidos ben abertos para quedarse con tódalas linguas, todo o que se coce. Direilles que lle dean dúas escoitas, a primeira de contacto e a segunda, xa para mergullarse.
Amais da presenza doutras linguas, tamén pálpase a tradición doutras músicas.
Unha das claves do disco é o xeito de interpretar a música. Non son duetos, senon cada un dos colaboradores deixou a súa impronta. Quixen que cadanseu se identificase coa canción, que escolleran os tonos nos que cantar, que tivese que ver con cada un deles.
Iván Ferreiro, Andrés Suárez ou Xabier Díaz son algúns dos convidados nun elenco de luxo. Como fixo a selección?
O disco está feito con amor. Fixen a selección por gusto persoal entre a xente que sabería que ían entender a miña proposta. Xabier, o meu irmán, sabía que non me  podía dicir que non; Andrés, o meu veciño; Iván, a quen admiro pola súa traxectoria e pola súa xenerosidade, pero tamén Javier Otero, Germán ou Rábade. Foi un luxo.
Escolle seis idiomas máis para interpretar a súas cancións, entre elas o ocitano. Por que esta lingua?
E aínda me quedou pendente a fala de Aragón. Quedei moi contenta, conectei moi ben. É oficial en Cataluña, en parte de Franza e parte de Italia.
Cal foi o obxectivo final deste disco tan coral?
O final non o sei, o inicial foi achegar ao público a xente que canta noutras linguas, nalgún caso venden moito (Ferreiro ou Andrés) ou son menos coñecidos e con dificultade para facerse ouvir pola falla de conexión que temos. Este disco é unha iniciativa interpeninsular con linguas minoritarias e minorizadas.
Como mudou o mercado dende os seus tempos en Berrogüetto?
Moito,  é máis difícil. Berrogüetto foi transgresor, nada convencional, agora sería moi complicado que nacese un grupo con esa carga científica. Hoxe consumo de música é máis de usar e tirar.

Te puede interesar