¿felices festas?

Este ano teño serias dúbidas. ¿Invocar aos Tres Reis Meigos ou ao Papá Noél? Calquera destes catro, a día de hoxe, non me entran dentro do perfil necesario no proceso de selección no que estou agora inmerso. O proceso de enviarlles unha carta pedíndolle cousas, non me cadra, máis ben necesito o contrario. O perfil que busco é o daquel que veña por aquí, que observe as necesidades do mercado, non o mercado gilipollas de Montoro, o outro, e decida con exactitude meridiana, o que realmente é de extrema necesidade. E por máis voltas que lle dou, non me encaixan. Así que hai que recorrer a outras alternativas.
En España sempre tivemos o costume de herdar costumes foráneos como síntoma claro de insatisfacción co noso, o propio. En todas as ocasións nas que tentamos, por cuestións de mercado, insisto para que non se me confunda, o outro mercado, o non gilipollas, fracasamos estrepitosamente inmiscíndonos en consumismo exacerbados, teorías confusas e cuestións con tinguiduras e reminiscencias demasiado eclesiásticas, e por tanto, tamén confusas e erróneas.

¿Que pasa co Apalpador? ¡Ai o Apalpador!, da Galicia encantada, da maxia do Nadal cando se envía aos nenos á cama por que vai vir a palpar as barrigas e saber así se están famentos e se ten que deixarlles un puñado de castañas.

Creo que este perfil si que me encaixa, o que ocorre é que vou ter que ampliarlle a xornada laboral. Sei que ten, no seu convenio, única xornada en Nadal, pero teño que negociar con él para que o estenda até o día 6 de Xaneiro, por que, polo labor que ten por diante, estimo que o tempo o vai a necesitar.

Sei que os outros van protestar por competencia desleal, inxerencia profesional e mesmo por intrusismo. Creo que lle van a chamar esquirol e vanlle a facer un escrache, xa verás.

Pero ese é o perfil que necesito, o que palpe, o que indague, o que sonde o panorama sen pasarse antes polas tendas para encher os sacos de xoguetes e consolas. Necesito cubrir o perfil que busco o cal creo máis adecuado para estas datas de recortes e de excesiva austeridade inculcada exclusivamente ao débil, ao necesitado, ao vulnerable.

Necesito o perfil de quen corra o risco de que lle fagan a abolición máis salvaxe, o que se arrisque a que lle coloquen unha concertina ou lle manden o disuasorio camión de auga por chorro. Necesito o perfil daquel que se arrisque a denunciar as necesidades reais que existen e que sexa capaz de sacarlle as cores aos outros catro, os cales só se preocupan de gañarse a confianza da xente miúda con promesas que non van poder cumprir, con soños que van esnaquizar e con ilusións que van aniquilar.

Á espera de recibir o curriculum que non terei necesidade de ler, estou ilusionado con poder contar coa súa inestimable colaboración para poder palpar a auténtica realidade que rodea a este Nadal que non é outra que a realidade da fame, a crúa realidade da necesidade.

Ademáis teño unha sorpresa para él, o Apalpador; cocémonos as castañas, dámosllas aos nenos, quentiñas, e a auga enviámoslla aos políticos como claro signo de rexeitamento a todo o que están a facer, entre outras cousas, esnaquizar as ilusións de moitos nenos e nenas, impor a impotencia nos seus pais e nais e abundar na desesperación de quen non ten nada que levar á boca neste Nadal.

¡O Apalpador, que veña o Apalpador! Seguro que él ten un puñado de ilusións, un puñado de castañas quentiñas con que encher as barriguiñas de moitos/as.

Te puede interesar
Más en Cartas al director