Opinión

Uxía, Rodrigo, María e Lucía

Vou ser sincero, realmente do que ía escribir esta semana era do “chollo” que teñen montado na “Mansión Preysler” para ser portada da “Hola”, con “exclusiva” incluída, semana sí e semana tamén. Á base de amoríos, desamores, reconciliacións e demais tomaduras de pelo conseguen desbancar ou relegar calquera outro acontecemento por moi apetecible que sexa, tipo “As imaxes definitivas do amor entre Aitana e Sebastián Yatra”. O da factoría Preysler ven sendo como cando as “Nenas Mónaco” eran as raíñas do “papel couché”, que aínda o seguen sendo con toda a prole de fillos e netos, e os seus “Bailes da Rosa” ou o “Festival Mundial do Circo” que tanto aportan á humanidade desde ese Principado de Rallies e princesas tristes. Pero falando de tristuras, se ese ser indescifrable que constitúe Tamara Falcó volve sorrir, pola gracia de Deus, xa non hai máis que falar; todo volta á orde natural e queda claro que as viaxes a Lourdes fan milagres.

Pero non, non é disto do que vou falar tendo a miña mesa chea de excelentes traballos discográficos que me acaban de chegar, como “De tu casa a la mía”, un disco onde a galega Uxía e o andaluz Javier Ruibal unen voces e sentimentos para musicar e cantar a Lorca e a Rosalía; ese Lorca universal namorado de Galicia a quen lle escribíu seis fermosos poemas, e esa Rosalía que trascendeu moito máis alá da nosa terra, aos que lles mesturan sonoridades andaluzas con ritmos galegos para que soen fantásticas. Un disco para gozar.

E se de cantautores falamos teño que traer aquí o último traballo de Rodrigo Ramos titulado “Claustrofobia”, composto ao seu dicir “cando o mundo exterior era un perigo”, en plena pandemia. Na súa carta de presentación podemos ver un video traballado, protagonizado por Víctor Fábregas e Adrián Ríos. Rodrigo xa está preparando a súa xira que comezará na Sala Sónar de Santiago o 11 de marzo para levalo logo a diferentes puntos de España, pasando pola viguesa “Fábrica de Chocolate” o día 23 dese mesmo mes. O folk, o pop ou o rock latino fan deste traballo unha proposta ben interesante.

E de xira de presentación está tamén María do Ceo con “Galicia Nai”, un excelente disco dedicado íntegramente a Galicia e ao galego, con “A Fala” de Manuel María como primeira declaración de principios, poñendo fermosas melodías a poemas de Rosalía, Carvalho Calero, Pepe Velo, Neira Vilas, ou do seu letrista de cabeceira Armando González; unhas músicas sempre acertadas compostas pola nosa artista e executadas impecablemente por Pepe e Alex Salgado.

E para rematar esta escolma musical traio aquí o último single publicado por Lucía Pérez, que non para de traballar viaxando entre as terras do Incio e Miami, onde está producindo varios temas que ao longo deste ano farán un novo disco. De momento entregounos un excelente aperitivo titulado “La Penúltima”, cun estupendo video gravado no Hostal dos Reis Católicos, onde hai unha excelente mestura da nosa música e a mexicana que tanto lle gusta á artista, un tema cheo de enerxía á base de ritmos latinos e pop. Lucía ten unha axenda moi apretada para cumprir con todos os compromisos adquiridos que a levarán entre outro lugares a Munich ou aos grandes concertos que terán lugar na próxima semana do “Benidorm Fest”, onde se subirá ao escenario do EuroClubEs ao lado da tamén eurovisiva Barei, dúas artistas moi queridas polo mundo eurofán.

Te puede interesar