Opinión

Tremendismo mediático

Despértannos cada mañá coa sensación do inminente impacto dun meteorito sobre a terra. Se nos remitimos ós titulares de hai un par de semanas, a pertinaz seca ía chegar ata marzo dando lugar a unha psicose de desabastecemento das existencias de 'Cabreiroá' e 'Mondariz'. Son tempos nos que o futbolista que hoxe se vitorea en loor de multitude convértese da noite para a mañá nun manta traspasable; quenes ata hai nada facían vibrar ós fanáticos do automobilismo ou do tenis patrios xa son pouco menos ca xoguetes rotos, e aqueles que enchían estadios e auditorios coas súas músicas mándanse dunha patada á parada do metro. É a cultura do mando a distancia, do usar e tirar, dos excesos, do éxito rápido e do descalabro aínda máis veloz; é a cultura do sensacionalismo e amarelismo elevados ó cubo. Non hai tempo para a reflexión, non hai tempo para ir medrando pasiño a pasiño, todo ten que ser de golpe e para agora mesmo; e a vida, a de cada un e a colectiva, estase convertendo nunha montaña rusa onda a vertixe é a que marca o seu transcorrer. Falo lóxicamente deste chamado primeiro mundo, porque no outro nin sequera teñen a oportunidade de accionar dita montaña por falta de corrente eléctrica. Por certo, ¿que opinarán moitos subsaharianos desta crise dos países que un día se creron ricos?, países onde os titulares mediáticos dos que falaba ó principio están conseguindo, e de que maneira, noquear a toda unha poboación amedrentada á que van convencendo pouco a pouco de que isto é o que hai e de que o que está por vir aínda pode ser pior. E como se dun enorme furacán se tratara as xentes agóchanse nas súas casas agardando a que escampe mentres son teledirixidos por terribles soflamas nas que algúns intúen a confirmación da data fatídica do 2012 coma o final de todos os tempos na hora do apocalíptico 'llanto y crujir de dientes'.

Menos mal que aínda quedan sabios defensores do 'nunca choveu que non escampara', que tratan de vivir o día a día evitando contaxiarse deste andacio desmoralizante, e incluso cometendo a ousadía de sacarlle a careta e poñerlle nome ós responsables de tanto desacougo; e deciden estar ollo avizor para non caer no xogo de quenes pretenden que a montaña rusa se converta nun perigoso xogo de ruleta, tamén rusa. Moitos destes son os que, despois do electoral debate televisivo entre as principáis barbas que deberán resolver os nosos problemas a partires do 20N, senten a necesidade de dicir que non lles gustan estes shows mediáticos nos que todo está 'atado e ben atado' para non sairse o máis mínimo do guión preestablecido, dando toda a impresión de que o único importante é a audiencia conseguida polas televisións e os grandes titulares cos que almorzamos ó día seguinte, tratando os asuntos de vital importancia coma se dun combate de boxeo se tratara no que soamente interesa saber quen ganou ós puntos.

Desde que escribo isto ata que horas despois vostede lle bota unha amable ollada, pode ter acontecido que Grecia decidira aliarse coa eurovisiva Azerbaian, ou que Portugal e as Españas decidiran emigrar para o Brasil, deixando ós xibraltareños vendéndolle souvenirs ós monos; e ata puidera ser que Marrocos reivindicase, ademáis de Ceuta e Melilla, o bebé que lles está nacendo ás Illas Canarias; pero nada sería tan impactante como o desexado titular de 'Hai saída', ese sería o gran acontecemento mediático que mesmo animaría a non poucos españolitos que están desexando sacar o forrollo do colchón.

Te puede interesar