Opinión

E a ti que che trouxeron?

Cando me fixeron Rei.
photo_camera Cando me fixeron Rei.

Era a eterna pregunta que se repetía cada ano entre os rapaces tal día como onte, Día de Reis. E, aínda que nunca chegara o ditoso “Scalextric”, sempre defendías o que as súas Maxestades tiveran a ben deixarche na entrada da casa; algún xoguete daqueles que estiveras requetemirando co nariz pegado ao cristal da tenda do “Pena”, na rúa alaricana do Portelo, acompañado de todo aquelo que según os Reis, que son moi sabios, precisabas para pasar un frío inverno, como guantes, bufandas, calcetíns, pixamas, xerseis e demáis equipamento calorífico, para poder atravesar cada mañanciña a conxelada Barreira para ir coller o Villalón cara Ourense cando estudiabas nos Maristas. Aqueles si que eran invernos, coas augas do Arnoia conxeladas na Acearrica e, tamén por suposto, con algún desbordamento puntual, como ocorreu estos días pasados.

Daquelas aínda non se oira falar dun tal Papá Noel que se adiantaba aos Magos de Oriente pola Noiteboa, e que como case todo o que nos chegaba e chega de América non tardou en poñerse de moda, xustificado por aquelo de que os rapaces teñen moitos máis días de vacacións para poder esnafrarse cos seus novos patinetes antes de volver ás aulas.

Eu son desa xeración na que sería terrible non seguir recibindo algún agasallo no despertar do Día de Reis, gústame ir ver algunha Cabalgata o día anterior e sentir a tremenda emoción dos máis pequenos, que non saben se rir ou chorar cando comezan a divisar ao lonxe as carrozas iluminadas. Xa lles teño contado que un dos días máis felices da miña vida foi cando o Concello de Ourense me permitíu encarnar ao Rei Gaspar, nunca llo agradecerei bastante, tendo que conter as bágoas xa no momento mesmo en que baixamos do tren que nos trouxo ata a Estación da Ponte. O que sentes nese momento non se pode explicar con palabras, cando ves a todos aqueles centos de nenos berrando nos colos de seus pais, mirándote con eses ollos de inmensa ilusión que non volves ver no resto da vida.

Creo que é un tremendo erro que, salvo situacións moi especiais, os Reis aparezan antes do día cinco en Centros Comerciais ou establecementos polo estilo; como moito os que poden estar son os paxes reais; os Reis chegan cando chegan e non antes, e se hai que ir a Hospitais, Residencias de Maiores ou calquera outro lugar de visita obrigada, mellor o día seis pola mañá como me contaba o amigo “Farruco” que el sempre fixo no Hospital de Santiago. A maxia non se pode perder, e se xa é complicado explicarlle a un neno quen son os Reis de verdade, se os da cabalgata do seu pobo ou os que saen pola tele, se os temos expostos días antes alí onde facemos a compra a diario perde todo o sentido, xa que moitas veces están ademais tan mal caracterizados que se algún neno aínda está nesa fase do “serán ou non serán”, xa non lles queda ningunha dúbida, a non ser que os convenzamos de que eses son uns enviados especiais que lles axudan a recoller esas cartas, que a Deus gracias, aínda hai moitos nenos que escriben de puño e letra. O de continuar coa tradición de limpar os zapatos xa o vexo máis complicado nunha época na que imperan as zapatillas de deporte como todo calzado de diario e de vestir.

Eu, por se acaso, deixeinos ben limpos, e aos Reis debeulles gustar que seguise coa tradición porque portáronse estupendamente.

Te puede interesar