Opinión

O “Sinbad” de Cunqueiro ó cine

Hoxe mesmo poderá verse en seis salas de cine galegas a adaptación á gran pantalla desta entrañable obra de Álvaro Cunqueiro, coincidindo co centenario do seu nacemento e cos 50 anos pasados desde que o escritor mindoniense publicase 'Se o vello Sinbad volvese ás illas' na cidade de Vigo. E no Museo do Mar desta cidade tivo lugar o pasado martes a preestrea á que fun convidado compartindo esta honra con moitos amigos, caras coñecidas e fundamentalmente co elenco da película, comandados todos por Antón Dobao, director e guionista da mesma, quen nos recordaba o peso específico da palabra nun filme de ritmo pausado onde se quixo facer unha interpretación como lector daquel 'Sinbad' de fantásticas viaxes que xa maior volve ó seu País para coidar as súas hortas. Xogou sobre seguro o director ó elexir de protagonista o gran Xosé Oliveira 'Pico', quen seguramente terá feito grandes interpretacións na súa vida e con moito tempo por diante para superarse en moitas máis, pero estou convencido que ésta será unha das que máis fondamente lle queden no seu interior, porque cando se declarou un 'privilexiado' por poder meterse na pel do vello mariñeiro non sabía que os privilexiados seriamos todos nós, os que tivemos o pracer de estar ó seu carón na estrea e todos os que van poder emocionarse coma nós nesa hora e media de rodaxe onde os sentimentos saen a flor de pel. Non é a primeira vez que Pico se enfronta a iste gran reto, xa o disfrutara co Centro Dramático Galego na adaptación que Quico Cadaval fixera da obra de Cunqueiro e pola que obtiveran morea de recoñecementos e premios; pero asegúrolles que a forza interpretativa captada polas cámaras nesta ocasión é desas que te reconcilian co mundo, aínda que pases dun sorriso cómplice á máis pura desazón cando irrumpe co seu dramatismo esoutro monstruo da escea galega, Antonio Durán 'Morris'. Ó carón destes dous amigos, que tamén andan a percorrer Galicia coa exitosa obra 'O florido pensil', atopamos actores a actrices que fan un traballo realmente encomiable; desde a guapísima ourensá Sara Casasnovas, de quen se namora a cámara en todo momento, ata a gran Mela Casal que mesmo con papel secundario enche a pantalla cada vez que aparece nela. César Cambeiro, Laura Ponte, Mariña Sampedro, Manolo Cortés, Mariana Carballal, María Tasende, Camila Bossa ou o meu sempre admirado Luis Castro Zahera completan este elenco de actores cos que ó final da película puidemos conversar e felicitar nun animado e discreto viño, propio dos tempos nos que andamos. Tiven a oportunidade de saudar a César Cunqueiro que me foi presentado pola amiga e veciña Caché Oro que xunto co seu marido Alfonso me recordaron a estadía alaricana do fillo do escritor mindoniense, quen ratificou que a prosa de seu pai está caracterizada pola supresión total de tempo e espazo no que veu denominar como textos paradisíacos en que desaparece a lóxica do argumento para dar paso á lóxica das imaxes. E advertíu tamén de que un dos perigos de adaptar os textos do seu pai ó cine 'é cinguirse á súa literalidade', defendendo certa independencia do director no traballo de adaptación.

Críticos dabondo ten a séptima arte para opinar ó respecto, pero os que alí estivemos disfrutamos enórmemente con este traballo e con esta aposta de coproducción da TVG, da que a súa directora Rosa Vilas se sentía especialmente orgullosa. Agora é o momento de que o público disfrute deste marabilloso 'Sinbad' soñador e aventureiro.

Te puede interesar