Opinión

O tempo

Eu son un deses adictos que se tragan a información do tempo como se me fora a vida nelo; e sobre todo desde que todas as canles televisivas se decataron de que eses minutos de isóbaras e anticiclóns contribúen a mellorar as audiencias; nalgúns casos convertendo eses espazos nun puro show, como procura facer Roberto Brasero en Antena 3, combinando información rigorosa cunha boa pincelada de espectáculo.

Evidentemente a maioría dos galegos de certa idade quedamos enganchados aos neboeiros e ás borrascas, que agora se son un chisco fortes dáselles en chamar “cicloxéneses explosivas”, desde que o querido Santiago Pemán apareceu nas pantallas daquela televisión que desde o ano 85 nos falaba e nos fala en galego. Pemán, que nunca quixo que lle puxeran unha gota de maquillaxe na cara para falarnos de marexadas e ventos fortes do nordés, viña do mundo da aviación e non da meteoroloxía; pero o certo é que conseguíu que labregos, mariñeiros ou parellas pendentes do ceo para o día da súa voda, confiaran nas prediccións que cada noite nos transmitía antes de despedirse co seu clásico “Boas noites, ata mañá”. Eu mesmo recordo telo chamado para preguntarlle se a choiva ía impedir algunha actuación ao aire libre, concretamente recordo unha de xeito especial na Praza Maior de Ourense; soamente me preguntou a hora e tranquilizoume dicindo que para ese momento xa non había perigo e quedaría unha noite excelente e estrelada, como así foi. Eu gárdolle moito cariño a Pemán, porque detrás daquela cara seria hai un home divertido e falangueiro que sempre me tratou con moito agarimo. Para os mariñeiros era o seu “Oráculo de Delfos”, e o que dicía Pemán ía a misa.

Agora, con moitas novas tecnoloxías e novas caras seguimos perfectamente informados, non soamente de se en Xinzo ou en Porriño vai facer frío ou calor, senón que sabemos con moitos días de anticipación se as néboas van facer que en Ourense capital non se vexa o sol en varios días de anticiclón ou o que podía ser un marabilloso día de Praia en Samil se converta nun pesadelo de néboa pola ría que non nos deixa ver nin Cangas. E para iso están estes novos compañeiros e compañeiras da TVG que de xeito ben didáctico e amable nos poñen o día de todo canto vai suceder cos restos dunha tormenta caribeña ou de como vai ir evolucionando o famoso anticiclón dos Azores. Para min o que eles e elas digan é palabra de Deus, como sempre o foi cada vez que desde os meus programas da Radio Galega chamaba ao querido Juan Taboada de Meteogalicia, libro aberto nesto das prediccións a curto, medio e longo prazo.

Daqueles “Homes do Tempo” das épocas de Mariano Medina e Martín Rubio, que logo xa serían tamén mulleres como a histórica Pilar Sanjurjo, pasamos a toda unha lexión de novos informadores, e co decorrer dos anos ata nos atopamos coa miña querida Alba Lago, que antes de incorporarse ao equipo informativo de Pedro Piqueras en Tele 5 tamén tivo os seus momentos de gloria entre isóbaras, mesmo recomendándolle a toda España que sacasen o “chubasqueiro”.

Eu confeso que son adicto á Galega e a todo o que me poden contar Diego Viaño, Ana Celia Vázquez, Mabel Montes ou Noelia Rodríguez, como no seu día nolo contaba Martín Barreiro coa súa característica melena; por iso xa sei desde hai días que despois do frío invernal desta semana, sacarei a roupa de verán para ir xantar mañá a Allariz.

Te puede interesar