Opinión

O NENO CAN

Son éstes uns momentos idóneos para refuxiarse naquelo que nos fai sentir máis humanos; entre tanta fría e desquiciante cifra económica, tanto vaivén bursátil, tanta incerteza, e tantas mentiras e desacougos, nada mellor que reconciliarse con esas pequenas cousas que nos fan mirar cara o noso interior e o dos demáis, que nos quitan a venda dos ollos para decatarnos de que aí fora había todo un mundo que nos estaba sendo alleo e que agora comeza a sernos moi familiar por reproducirse entre nós á mesma velocidade e co mesmo risco co que as ateigadas pateras sucaban o Atlántico tentando chegar ás terras de El Dorado. É o mundo do infortunio, da inxustiza e da desesperanza que millóns de seres humanos levan sufrindo desde sempre, mentres por estes lares o sufrimento provocábano as dúbidas existenciáis de se viaxar a Cancún ou a Bali, de se empeñarse co adosado na cidade ou co apartamento na praia, ou de se quitarse ós nenos de enriba inscribíndoos en actividades extraescolares de esgrima ou chinés madarín, coa única dúbida de se levalos en descapotable ou en todoterreo, tuneados calquera deles coas últimas tecnoloxías en plasmas e videoxogos de última xeración para que os cativos non incordiasen falando das súas cousas da escola, dos profes ou dos amigos.


¡Canto gustarían os pais de Aakesh, Nadim, Altair, Leila ou Carlos de poder escoitar as historias dos seus fillos mentres acariñaban ós seus cans! E canta verdade, sensibilidade e sabedoría hai neste libro que Fina Casalderrey e Francisco Castro quixeron regalarnos, porque un regalo son estas historias de nenos e cans publicadas conxuntamente polos dous autores coa mirada posta en todos os nenos do mundo ós que lles quitaron a voz e o sorriso; contando tamén para elo coa ilustradora Patricia Castelao que debuxou as súas vidas e historias; historias de pequenos seres ós que se lles nega desde o seu nacemento calquera mínimo dereito por moi básico que sexa e por moito que estea recollido na Declaración Universal dos Dereitos do Neno, que como a maioría das Declaracións Universáis feitas en despachos oficiáis non serven absolutamente para nada. E non soamente iso, senón o que é máis grave, consentindo e bendecindo a grandes empresas que fan da explotación infantil o seu gran negocio e a súa gran expansión comercial, para que outros nenos consuman no hipócrita mundo civilizado os productos feitos co suor e o sangue dos máis pequenos parias da terra.


E aquí esta 'O Neno Can', un libriño escrito a favor da UNICEF e, como din os seus autores, a favor da igualdade e da xustiza, ou sexa, a favor da vida. Non teño o pracer de coñecer persoalmente a Fina Casalderrey, pero admiro a súa obra literaria e comparto moitas das súas vivencias existenciáis, e sí coñezo e teño o pracer de compartir amizade con Francisco Castro que me conta incondicionalmente entre os seus lectores máis seareiros; os dous dedican boa parte da súa creación á nenez e á adolescencia e quizás sexan os moitos contidos pedagóxicos os que me unen ás súas obras e ó seu compromiso cos máis indefensos dos seres, aqueles que están expostos máis ca ninguén ás loucuras e ós desatinos dos que tiñan que facerlles levar unha vida agradable, con acceso á educación, á alimentación, á sanidade e ó benestar ós que todos temos dereito, pero tal como expresa a última páxina do libro coa data do remate de impresión, producíuse o mesmo día no que millóns de nenos e nenas do mundo aínda non teñen acceso a ningún libro.

Te puede interesar