Opinión

MÁIS VALE QUE SAIA O SOL

Alégrame ver que abren con tempo as pisicinas municipáis, e máis se son gratuitas como as de Oira; pero quen non quere abrir é o ditoso tempo, ese que preside as socorridas conversas de ascensor mantidas cos descoñecidos veciños do edificio. Estame dando o corpo que o veraneo vai seguir sendo cousa de ricos e tamén dos pobres de solemnidade, uns porque non precisan da fin de semana para activar a melanina, e os outros porque desde a súa indixencia sempre poden protagonizar desgraciadamente moitos 'Luns ó Sol'. Lembro algún alporizante verán de non hai moitos anos no que a chuvia fixo acto de presenza tódolos domingos de Xullo, e cando se agardaba o milagre dun Agosto compensador, entraron as impertinentes neboas das Rías Baixas que deron ó traste con canta excursión programada de Ourense ou Portugal tivera como destino Samil ou Praia América.


Falo sempre destas cousas coas miñas amigas e amigos perruqueiros que, entre o traballo semanal e as vodas sabatinas, soamente contan co día do Señor para airear e broncear os seus encantos nos céspedes ourensáns ou nos areáis vigueses, e asegúranme que hai por aí algo confabulado contra eles e os seus colegas dependentes de comercios, supermercados, cafeterías e negocios varios; agardan polo domingo con toda a ilusión do mundo e teñen que rematar a xornada cos nervios de punta tragando a repetición de calquera programa televisivo. Ben é certo que sempre hai quen lle pranta cara á adversidade e aférrase á crenza popular de que os raios solares atravesan as néboas e broncean aínda máis, e que a auga da Lanzada está como en Benidorm en tardes de tronada, por moito que se vexa sair correndo ós máis fornidos en canto lles chega a primeira onda ós pinreles. Non se consola o que non quere, e para iso nada mellor que disfrutar vendo como os nenos son quen de asegurar que a auga está coma o caldo aínda que lles rilen os dentes ó pedir a merenda; bos son eles para perder un día de cubos, palas, carreiras e baños por moito que se lles poñan os beizos da cor do viño de Barrantes.


O certo é que tal como están as cousas, as 'Alturas' deberían apiadarse un chisco deste seu pobo pecador, e mandar uns domingos acordes coa estación do ano, xa que a praia e o río seguen sendo do pouco gratis que moitos se poden permitir como método de diversión, e mesmo como vía de escape para aplacar os seus máis que xustificados instintos asasinos vendo eses 'partes de guerra informativos' que cada día envían os medios de comunicación, coas impúdicas imaxes dos que provocaron todo este descalabro marchando de rositas para as súas mansións con ecosistema propio a proba de treboadas e cos petos a mans cheas.


O dito, se o tempo non da tregua e decide traer no verán toda a agua que racaneou no inverno, que se preparen os corpos e forzas de seguridade do Estado, porque o outono non é que vaia ser quente,e que vai estar que arde; porque como ó que manda alá arriba o máximo que se lle pode facer como agravio é non irlle á Misa, os que mandan abaixo van pagar as marusías marítimas e as inundacións das sempre socorridas pozas termáis. Córrese o perigo de que a poboación salga do estado de noqueamento colectivo ó que está sometida sacando a Belén Esteban que moitos levan dentro e, ó berro de 'Yo por mi finde soleado mato', sexan quen de poñer o País patas arriba; aínda máis do que está.


De momento xa somos a Comunidade con máis bandeiras azúis, agora xa soamente falta que o ceo se poña da mesma cor.


Te puede interesar