Opinión

LUAR

Comeza a tempada vinte, e iso son palabras maiores para un programa que pode presumir, como eu presumín no seu día, de ser o programa de variedades de máis longa duración na historia da televisión en España. Aí é nada, o conseguir que media Galicia teña pasado polos escenarios da discoteca “Dona Dana” de Touro e actualmente polo Plató Mil de tan grato recordo para min polos catorce anos vividos nel. En todo este tempo foron infinidade as agrupacións folklóricas, bandas de música, orquestras, grupos de rock ou pop, humoristas, magos, e artistas de toda clase e condición que tiveron en “Luar” un dos mellores escaparates para publicitarse e para recoñecerse, como se recoñecen no programa os milleiros de galegos que teñen aplaudido e bailado desde o patio de butacas ó son das gaitas, as guitarras, os acordeóns ou os violíns. Gayoso presume cada tempada de facer o programa desde a capital mundial da enxebreza e razón non lle falta, porque ser capaz de combinar a elección de “Miss Vaca” con David Bisbal xogando os dardos, mentres as Cantareiras de Ardebullo fan un rapeado do “Europe's living a celebration” está ó alcance de moi poucos. Pero iso é capaz de conseguilo este magnífico equipo profesional e humano, comandado na dirección polo mestre Manolo Teo Abad, que conseguen meter no peto á gran audiencia que cada venres senta diante do televisor.

Sei que no morbillo popular poden resultar chocantes estas liñas dedicadas a este buque insignia da Galega, sei ben dese ruxe ruxe que circula desde hai anos do posible enfrontamento entre “Supermartes” e “Luar” e, lóxicamente, entre os seus presentadores. Sinto defradudar os agoreiros, pero desde sempre existe un enorme respecto e admiración mútua entre quen lles fala e o amigo Xosé Ramón, coincidindo sobre todo nese sentimento compartido de que canto mellor funcionen os programas, todos os programas, mellor lle irá á cadea e a quenes nela traballan. Iso non significa que agora nos declaremos pelotilleiramente siareiros de todo o que fai cada un e de como o fai, eu xa dixen en máis dunha ocasión que non son espectador de concursos a pesares de estar catorce anos presentando un; tampouco vou confesar que me pase as noites dos venres aprendéndome as coreografías do ballet ou vendo se a Gayoso se lle despega o micro, pero o que sí podo afirmar é que no caso de Luar fixéronse ben as cousas, imaxino que unhas veces por convencemento e outras por sabe Deus que motivos; pero o certo é que ningún equipo directivo retirou o programa da grella, e iso é un absoluto acerto, por moitas razóns que se me ocorren; por exemplo porque o que ofertan as outras cadeas á mesma hora non é como para botar foguetes nin como para copiarlles a fórmula; mentres noutros lares se sacan a pel a golpe de talonario, e non poucas veces a golpe de dubidoso bó gusto, no “Luar” aparecen rapaces novos ós que se lles foi reafirmando o orgullo de cantar e bailar a música tradicional que xa cantaban e bailaban os seus avós, sen renunciar a incorporación de todo o innovador que levan dentro, facendo convivir perfectamente a regueifa e o rapeado, a muiñeira e o hip hop, coa sensación real de que teñen un escaparate público no que mostrar o seu traballo e as súas ilusións, e senón que llo pregunten á querida Maret que pasou de ser concursante de “Recantos” a compartir nesta tempada os labores de presentación ó lado de Gayoso, con todo un equipo por tras para facilitarlle as cousas e con ¡vinte anos! máis para seguir medrando co “Luar”.

Te puede interesar