Opinión

Gaudeamus botellón

Leo nalgunhas axencias que na noite do xoves, onte para o lector, os universitarios composteláns van dar inicio ó curso académico cun macrobotellón ó que se unirán previsiblemente os pendentes de selectividade e non poucos menores dos que os pais confesan non saber paradeiro ata altas horas da madrugada, alarmándose cando o terrible son do teléfono nocturno lles avisa de que o seu cachorro está en coma etílico nos servicios de urxencias sanitarios.

Xa saben que deste tema non vou facer demagoxia nin pedagoxía por pertencer a esa xeración da quina santa catalina que medrou entre bares, pasando do iniciático “coes” con gaseosa ó cubalibre de pipermint que debían facerlle máis dano ó cerebro que esas malditas pílulas coas que os adolescentes de hoxe se poñen coma motos nas noites dos sábados. Sei do que lles falo por vivir nunha zona onde vexo o estado no que se retiran as hordas de madrugada, para meterse nos coches e xogarse a súa vida e a dos que teñen a mala sorte de atoparse con eles; incluídas esas patéticas pandillas de despedida de solteira de fálicas diademas e rimel corrido autoobrigadas a demostrar que o pasaron fenomenal por moi lamentable que fose a noite con cutre “boy” incluído. Das despedidas masculinas, mellor nin falar, porque para iso habería que facer unha tese de doutoramento sobre ata onde chega o grao da estupidez humana en moteis de carretera.

Pero dito o dito, e asumindo que aquí case ninguén pode dar leccións de comportamento cívico, coincidirán conmigo que o fenómeno botellón e o que os xóvenes chaman neste País “sair de festa” pouco ou nada ten que ver coa maneira de divertirse do resto de Europa, e moito menos para dar comezo a un novo ano académico. Digo máis, tristemente cando unha parte desa mocedade europea quere practicar turismo de borracheira elixen poboacións nosas como Lloret de Mar para dar renda solta ós seus máis baixos instintos, sabendo que este País lles permite converter prazas e rúas en auténticas cloacas de orines e vomitonas, e onde practicar “balconing” é algo tan usual como torturar e matar touros a puñaladas en festas declaradas de interese turístico nacional, coa cobardía ou a complicidade dos responsables políticos de turno que en ningún caso se van enfrontar a unha poboación á que lle van pedir o voto cada poucos meses. Porque salvando o caso de San Antonio en Ibiza ou Lloret na Costa Brava onde priman os intereses económicos por riba de calquera outro criterio cidadán, no resto trátase de interese electoral puro e duro, nuns tempos nos que as maiorías dependen moitas veces de que os mozalbetes decidan tomar un alka seltzer para combatir a resaca e levantarse para ir votar; e iso sábeno ben os que ostentan o poder e por iso fan unha e outra vez oídos xordos, vista gorda e o que faga falta por non incomodar a esta posible masa de votantes, mentres o resto dos cidadáns aguantan estoicamente que os seus portáis e entradas de garaxe aparezan os domingos convertidos en WC ambulantes e que os seus nenos xoguen en parques e xardíns entre toneladas de lixo e vidros rotos, xa que a policía bastante ten con controlar que a cousa non vaia a máis, tendo que facer o avión por culpa dunhas autoridades que non teñen nin idea de como reconducir este fenómeno tan español que ten provocado, naqueles contados concellos que intentaron poñerlle solución, auténticas revoltas nocturnas con claro perigo para a integridade de persoas, mobiliario urbano ou coches particulares que atopan ó seu paso.

Te puede interesar