Opinión

De que falar

Oes Pi, ¿de que vas falar esta semana? Non teño nin idea, xa empecei sete veces a columna e sete rematou na papelera de reciclaxe. ¿E logo de que falabas? Pois mira, empecei falando da Caixa, a nosa, aquela que na miña nenez chamaban 'La Caja' e que che regalaba un peto metálico azul con candado, moito máis lucido có porquiño de barro do 'Cacharreiro', e no que comezabas a practicar aquelo do aforro que os teus pais tanto che inculcaban. Pero díxenme, ¿como falo diso sen insultar a ninguén ou botar unha blasfemia?; Pi, que te coñeces cando te quentas, cambia de tema que total van seguir facendo o que lles pete digas o que digas e o único que vas sacar en limpo é que alguén non sabes onde che busque as cóxegas e mande recado. Quieto Parao. Despois deume por falar da cantidade de 'se alquila', 'se vende', 'se traspasa' que comezan a asfixiar a unha cidade onde non poucos milleiros de ourensáns invertiron os seus aforros da emigración e tratan de seguir vivindo se o sector naval e Citroën llo permiten. E case que me deprimo, porque xusto cando xa levaba escritos mil caracteres recibo a chamada doutro indignado desesperado ó que lle acaban de comunicar que salvo milagre navideño formará parte da cifra de parados que en xaneiro terá que dar o novo governo saído das urnas. Desisto e cambio de tercio. Poño a tele e están repetindo a España de gazpacho e peineta na que parece que todo o mundo é adicto ós 'ducados' cando a realidade é que se está volvendo a marchas forzadas ós 'celtas sen filtro'. Non teño nada contra esa divertida señora multimillonaria á que agardo que non lle saia a declaración da renda a devolver, pero penso que non é momento de facer un artigo sobre as sevillanas do sur cando na terra da muiñeira están caendo chuzos de punta por moito sol que siga impertérrito nesta seca outonal na que outros pirómanos, non os de todos o días, se encargan de asolar aínda máis terras e vidas. Oes Pi, ¿sabes que morreu o que inventou ese teu iPhone que tantas veces queres estrelar contra a parede? Pois sí, pero que queres que che diga, quédanme máis preto un montón de amigos que teñen que ir cada día á sesión de quimio para loitar pola vida. Sintoo moito, era moi novo e impresionantemente listo, pero agardo que o sucedan algúns dos milleiros de xóvenes inventores deste noso País que con trinta anos, dúas carreiras e vinte másteres teñen que seguir comendo a sopa boba na casa familiar por non ter onde caer mortos; e cando conseguen que alguén lles dea unha oportunidade ven como o seu soldo é tan escandalosamente miserento que deciden ir doblar camisas a Londres mentres perfeccionan idiomas. Por iso tampouco escribirei hoxe sobre os 'coquitos', porque ¿como se lle explica a un señor ou a unha señora que salvan vidas a diario nos quirófanos que teñen que rebaixarse o soldo cando ven o que ven nos noticieiros e nos periódicos? Pois a verdade Pi é que o tés crú esta semana e xa son horas de enviar a columna para que entra na rotativa, podes falar do sistema educativo que aínda que levas case vinte anos fora del algo che quedará. ¿Estás de coña? Soamente o farei se é para subscribir ás palabras que o principe Felipe dixo onte en Córdoba sobre o difícil e abnegada que é a profesión docente; pois nada alteza, bótelle unha manciña que boa falta lle está facendo, porque se en algo coincidimos a maioría dos súbditos de seu pai é que unha aposta seria pola educación pública será a mellor aliada para sacar a este País das catacumbas.

Te puede interesar