Opinión

Esoutros ruidos

Non me refiro ó ruído que poidan facer os concertos, as atraccións, os pasarrúas ou a multitude que estes días conforman a algarabía propia do Corpus. Trátase desoutro ruído que cal acúfono impertinente se instalou de xeito permanente no noso día a día. É o ruído indefinible que tratamos de explicarlle ó otorrino sen demasiado éxito, o mesmo pouco éxito que agardo ter eu de explicárllelo a vostedes. Non é que as cidades se converteran de repente nunha incómoda bocina automobilística desmadrada; non é que os botellóns, os bebés e os bares subiran os seus decibelios ata límites prohibidos; nin sequera é que os bombeiros, as ambulancias e a policía deixaran que as sereas se puxesen a oulear cal histéricas descontroladas. É sinxelamente que aumentou aquelo que Miguel Ríos chamaba o 'ruído de fondo'. O ruído silencioso dunha cidade que víu como o seu equipo quedaba na segunda división, o ruído dos acampados incomodados, sector desmadrado, que acosan ós Gallardóns e ás Barberás, o ruído que non fan os atacados por medo a seguir sendo atacados deixando que escampe; o ruído peligrosamente silencioso das teclas dos ordenadores que governan o mundo desde as cloacas dos mercados financieiros, o ruído xordo dos pais e nais de familia que non saben como sacarse de enriba toda a súa prole de licenciados con cara de facebook; o ruído interior dos carafacebook que non se senten representados polos indignados ós que ninguén representa, a falta de ruído dos que creen representar a alguén cando lles preguntan que como se come isto, o ruído daquelas promesas que xa se sabía de antemán que non poderían ser cumpridas provocando o ruído tripeiro do estómago vacío, o ruído cadencioso da caixeira do súper e do surtidor de gasolina que recordan cal segundeiros letáis o efímero poder do agochado no fondo da carteira, o ruído dos insultantes programas televisivos onde exiben indecente e reiteradamente esas mansións Dubaitís, Marbellíes ou de La Moraleja onde limpan o traseiro cos billetes que lles negan ós que lles sirven diariamente, o ruído que non fan os que tragando sapos e cobras teñen que servir a estes miserables que son quen de dilapidar nunha noite de orxías piscinescas de champán francés o que daría para manter dignamente ás familias dos seus escravos durante toda a vida, o ruído hipnótico provocado polos berros e insultos televisivos das xaurías de depredadores que fan da desgracia allea a galiña dos ovos de ouro, o ruído dos indignados e chuleados polas compañías de telefonía, dos vapuleados polas petroleiras e polos siniestros grupos anónimos de poderosos que cada certo tempo se reúnen para facernos a vida imposible precedinco con anos de antelación as hecatombes que caerán sobre as nosas cabezas, o ruído dos que non teñen forza para berrar que aínda que o sistema non é perfecto prefíreno o caos que podería supoñer unha rúa incontrolada, o ruído dos que nunca tiveron nada e agora ven como camiñan á súa beira os que noutrora os declaraban invisibles, o ruído sabio do avó que hai unha década predicía unha volta á terra, o ruído dos que agora volven humildemente á terra para sacarlle a economía de subsistencia que antes despreciaban; o ruído, en fin, de todos cantos quedan noqueados diante dos noticieiros vendo como aquel estado de benestar do que tanto gustabamos presumir estase a converter no estado do sálvese quen poida, porque desgraciadamente este ruído de fondo tampouco nos trouxo a tan desexada solidariedade que agardabamos.

Te puede interesar