Opinión

DON BOSCO EN ALLARIZ

Chámame emocionado Adolfo Requejo, Superior da Comunidade Salesiana de Allariz, para falarme do acontecemento tan importante que para eles e para moitos alaricanos vai ter lugar mañá sábado, coa chegada das reliquias do santo fundador da Orde nunha furna coa réplica exacta da estatua xacente da Basílica de María Auxiliadora de Turín.


Comprendo a emoción do benquerido Adolfo xa que, despois de peregrinar polos cinco continentes, as reliquias de San Juan Bosco entran en Galicia xustamente por Allariz, onde os Salesianos chegaran alá polo ano 1925, e onde fundaron o Seminario Menor que acolleu alumnos desde 1953 ata 1975. E será na Igrexa de San Pedro onde moitos alaricanos próximos á congregación farán unha homenaxe ó Santo do que se conmemora no 2015 o bicentenario do seu nacemento; será unha parada chea de emocións antes de proseguir camiño cara a capital ourensá, para logo continuar viaxe nos seguintes días cara Cambados, Compostela, Vigo e A Coruña.


Non son eu quen de facer ningunha semblanza da figura deste santo ó que os nenos da Vila tiñamos que rezarlle hai anos se queriamos ver de balde a película dos domingos xunto cos internos do Seminario, pero sí me gustaría subliñar algo que os seus biógrafos resaltan con orgullo pedagóxico e social, aquel seu desexo de sacar das rúas ós nenos e nenas máis pobres e necesitados, xunto coa súa loita pioneira por erradicar a explotación laboral infantil, a súa defensa da diversidade de linguas e culturas, e o seu desexo de 'gastarse por amor ós demáis'. Non me cabe dúbida de que con esa carta de presentación tería moitísimo que facer, non soamente no século XIX no que vivíu, senón neste incontrolable e insolidario século XXI no que andamos metidos. Non tería que ir demasiado lonxe para poder denunciar o abandono de moitos nenos e a miserenta explotación á que son sometidos polo chamado mundo civilizado. Ata pode ser que o santo italiano se unise dalgunha maneira a eses xóvenes indignados, non os da Porta do Sol, senón os que temos ó noso arredor, que ven como se lles está impedindo desenrolarse como cidadáns de pleno dereito.


Escribo estas liñas máis desde o corazón que desde a militancia confesional, fácilmente entendible a pouco que se analicen determinados discursos excluintes nos que se lanzan arengas máis propias da oscura idade media que dos tempos actuáis; pero a pesar dos pesares seguiremos sendo moitos, con máis ou menos fe, os que lle profesemos cariño á Familia Salesiana de Allariz, coa que celebramos moitos acontecementos relixiosos e festivos ó longo da vida, desde a Igrexa de San Pedro ata o Teleclub, a Rondalla, as colonias de verán, o baloncesto, o cine dos domingos, as obras de teatro, as cabalgatas de Reis, a procesión de María Auxiliadora, os festiváis musicáis, e todo aquelo que fusionou á Orde co resto da poboación alaricana. Moitas das persoas que pasaron por algunha das dependencias salesianas estarán mañá para recibir as reliquias de Don Bosco, e unha selección dalgúns dos mellores músicos saídos das aulas do edificio da Carretera General, hoxe Rúa Emilia Pardo Bazán, fará que coas melodías das bandurrias, as guitarras, os laúdes e as mandolinas, ata o mesmo Don Albino se poña a cantar e a bailar desde o seu ceo particular. Para él, para don Rosendo e para todos aqueles curas ós que lle contabamos os insignificantes pecados da infancia, vaia o desexo de que a comunidade salesiana actual viva tamén por eles unha xornada inesquencible.


Te puede interesar