Opinión

DON ALBINO

Alegreime ben cando o Concello de Allariz bautizou a rúa de entrada ós Salesianos co nome de Don Albino, porque este feito tivo lugar en vida do homenaxeado, cousa que raras veces sucede na nosa sociedade, onde parece que hai que pasar ás alturas para que se recoñezan os méritos das persoas. Estes son días de sincera emoción para a miña vila e corte, porque o querido Don Albino foise para o seu ceo musical desde terras castelás pero conseguindo facer cumprir o desexo de que o seu corpo repouse para sempre ás beiras do Arnoia, nunha terra e nunhas augas que non esquecerán nunca o seu labor pedagóxico-espiritual e o seu amor por este pobo, o meu, onde pasou a maior parte da súa vida.

Sentín moitísimo non poder asistir en persoa á multitudinaria homenaxe que o pobo de Allariz lle rendeu este mércores desde a súa igrexa de toda a vida ata o camposanto de Vilanova, pero o sempre amigo Manolo Sampedro mantívome puntualmente informado de todo o alí vivido, desde o gran aplauso que recibíu ó sair a comitiva da que fora a súa santa casa durante décadas, e na que os rapaces de entón lle agradeciamos que as homilías fosen leídas en cinco minutos, ata o seu último paseo polas empedradas rúas alaricanas onde, cousa nunca vista, moitos balcóns exibían crespóns negros en sinal de loito pola morte dun dos veciños máis ilustres e máis queridos do último século.

Hai varias xeracións de adolescentes, hoxe adultos, que non poderemos esquecer nunca o labor deste salesiano políglota, culto e universal; foron tantas as horas compartidas que non chegaría o xornal enteiro para recoñecer o seu traballo e o seu compromiso cun pobo e coas súas xentes. O mundo do baloncesto non existiría na vila sen que este cura se empeñase en formar equipos e construir canchas deportivas, sábeno ben os meus amigos Alvarez, Toño, Javier, Sampedro, Poli, Castillo, Ben Salem, Joselito ou Pilís, por nomear a algúns daqueles pioneiros adestrados e acompañados en todo momento polo cura Albino. O mundo da música terá con él unha débeda eterna por facer disfrutar a un pobo coa banda sonora das bandurrias, as guitarras, os laúdes ou as mandolinas que soaban cada tarde nos salóns do inesquencible Teleclub e en cada oportunidade na que había que celebrar algo, fose a cabalgata de Reis, a procesión de San Benito ou aquelas veladas musicáis e teatráis nas que se implicaba toda a vila, e nas que tiven a oportunidade de participar en múltiples ocasións. Daquel salón de actos dos Salesianos saíron moitas carreiras musicáis e artísticas e éste que lles escribe débelle á aquelas táboas moita da posterior vida profesional enriba doutros escenarios e doutros platós, de aí o meu máis sentido pésame polo pasamento deste home que xa velliño disfrutaba cos éxitos dos seus, e en concreto do meu traballo televisivo, sabendo desde a súa infinita modestia que había unha parte súa no showman que estaba vendo, cando facilitaba e colaboraba en todo o que lle pediamos aqueles xóvenes inquedos que cada verán ou cada Nadal querían sorprender ós seus veciños, chegando a representar obras de teatro musicalizadas en directo por obra e gracia da súa batuta. Pois eses pupilos musicáis e todos os demáis que tivemos o pracer de coñecelo e querelo sentimos que temos unha débeda histórica coa súa persoa, e se me permiten a frivolidade déixenme que brinde cun grolo do licor café, co que a él tamén lle gustaba mollar a palabra, pola súa marabillosa e inesquencible figura. Vai por vostede querido cura.

Te puede interesar