Opinión

Derbys

Seguramente para a maioría dos siareiros o único realmente importante foi o resultado, e para os que xa non somos demasiado afeccionados a case nada, o importante de veras foi a agresividade descontrolada, fanática e perigosa dos que utilizan os campos de fútbol para dar renda solta ós seus máis baixos instintos en forma de insultos, pelexas e acantazamento de autobuses ou de todo o que pillan por diante. Fraco favor se fai desde os medios de comunicación quentando previamente estes acontecementos cualificados como de 'alto risco'; porque que eu saiba as únicas cousas que realmente poden ostentar ese calificativo son as operacións a vida ou morte practicadas por eminentes cirurxanos, ou as realizadas polos corpos especiáis ou organizacións humanitarias que se dedican a salvar a vida de persoas atrapadas en incendios, naufraxios, terremotos ou campos de refuxiados, por subliñar algunha das moitas cousas nas que hai persoas abnegadas que se xogan literalmente a vida; iso sí é 'alto risco' e o outro é pura estupidez humana. Non entendo como o precioso tempo que as forzas da orde deberían dedicar a outros menesteres de máis proveito teñen que empregalo en escoltar a esa xauría de depredadores para que non se adenten entre eles e para que non arrasen con todo canto mobiliario urbano, coche particular ou escaparate comercial atopen no seu camiño. Se alguén quere ver nesto un lance do xogo, ou xustificalo dicindo que son feitos puntuáis e minoritarios, está tendo unha curtidade de miras realmente importante; isto nada ten que ver co deporte e sí moito que ver co vandalismo desenfreado e incontrolado, quen por certo dá para encher moitas páxinas de periódicos e moitos minutos de información televisiva e radiofónica.

Hai moito tempo que se ven debatindo o tema dos 'ultras', palabra que salvo nos anuncios de deterxentes dá medo ata pronunciala, sexan ultranortes, ultrasures ou ultradementes, e xa vai sendo hora de que se lle empece a chamar ás cousas polo seu nome. Cando alguén insulta, agrede ou destrúe ten que recibir un castigo exemplar, e moito máis se por tras dese insulto ou agresión hai actitudes xenófobas ou neofascistas, por moito que se agochen tras cánticos de barato localismo patriótico ou de bandeiras que nada teñen que ver coa patética actitude de quen as enarbora. Do mesmo xeito que a un cidadán normal, por moi cabreado que esté coa vida, non lle está permitido facerlle a 'peineta' á policía ou emprendela a patadas coa estantería do supermercado, tampouco se deberá consentir de ningún modo que amparados na masa bociferante queden sen o xusto castigo quenes pasan as leis da convivencia cidadá polo arco do trunfo impoñendo a súa propia lei da selva.

Nestes momentos de incertenza e preocupación, onde hai moitísima xente que tería máis de mil motivos para sair a rúa e emprendela contra todo o que se move, non é de recibo que teñamos que aguantar as macarradas de energúmenos que amparados nas cores dun equipo de fútbol poñen patas para arriba unhas cidades que o que menos precisan nestes momentos é que unha minoría de bárbaros, sexan do norte ou do sur, destrúan o que tanto custa poñer en pé.

Dicía un amigo meu, bastante prosaico él, que ó mellor o que había que facer era coller un illote tipo 'Perejil', levalos a todos en patera coas súa bandeiras, as súas cornetas e as súas miserias, darlles un balón e deixalos ó fresco unha semaniña ata que decidisen volver a nado, contritos e co rabo encollido, e nunca mellor dito.

Te puede interesar