Opinión

Cristina Ramos e David de María, en Bamboleo

Todo un luxo ter esta noite en “Bamboleo” a dous artistas fantásticos, o compositor e cantante andaluz David DeMaría e a cantante canaria de rock e ópera Cristina Ramos.

David está inmerso de cheo na xira de conmemoración das súas vodas de prata no mundo da música, que o levan a percorrer todo o País cun traballo discográfico no que rende homenaxe á súa ampla traxectoria musical e que titulou “A estas alturas del partido, 25 anos”, un tempo no que ten composto marabillosas cancións, tanto para el como para os mellores intépretes, como esta canaria coa que hoxe cantará “Habrá una segunda vez”, da súa autoría.

A David DeMaría téñolle presentado en televisión moitos dos seus discos e asegúrolles que é todo un pracer traballar con artistas da súa categoría e humildade, podendo como pode ser todo un divo da escea e da composición, con quen todo artista que se prece quere traballar ou facer duetos; desde Bisbal, Diana Navarro, Malú, Pastora Soler, Bustamante ata Vanesa Martín, Chenoa, India Martínez, Manuel Carrasco ou Ana Torroja, entre moitos outros e outras; sen esquecernos como punto anecdótico da interpretación xunto a Leire Martínez do tema principal da divertidísima película “Ocho apellidos vascos”.

Nos ensaios previos á gravación de “Bamboleo” sempre gusta David de coller a súa guitarra, sentarse na tarima do escenario e cantarnos de xeito distendido algunha canción a todo o equipo que por alí andamos, cousa que lle vimos facer no noso plató a outros grandes como Albert Hammond ou Dulce Pontes, que non tiveron reparo algún en que os gravásemos cos nosos móbiles.

E da gran Cristina Ramos soamente dicir que para min foi o gran descubrimento dos últimos anos, unha muller que no 2018 foi seleccionada como participante en “La Voz México” do que resultou vencedora absoluta. Despois diso a cantante foi convidada a participar no “America´s Got Talent The Champions”, a maior concentración de talentos da historia da televisión, onde foi elexida no “Top 5”. É a única cantante que chegou tan alto.

En 2019 foi convidada a participar no “Worl´s Got Talent de China”, resultando ser a única artista europea en actuar na final, recibiendo o “Golden Buzzer” do prestixioso productor David Foster. A súa aparición no “Bristish Got Talent The Champions” causou outro impacto en Simon Cowell, que no dubidou en calificala como a mellor cantante que pasou xamais por ese formato en todo o mundo.

Cristina ten unha voz prodixiosa e unhas postas en escea absolutamente impactantes, como a que fixera o ano pasado na preselección de San Marino para o Festival de Eurovisión, ao que ela foi convidada pola organización, que non olvidaba que no ano 2016, despois da súa presentación no “Go Talent” convertérase nun fenómeno viral dando a volta ao mundo con máis de cen millóns de visualizacións nunha semana. Asegúrovos que vela cantar en directo, coa forza que lle imprime a cada unha das súas cancións, é un deses momentos nos que se che pon a pel de galiña e entendes perfectamente que sexa convidada para actuar en eventos tan salientables como o DSHS de Limburgo, o “World Ocean Forum en Corea do Sur, ou o “Nordic Bussines Forum” de Helsinki.

Pois aí estarán, enriba do escenario de “Bamboleo” estes dous artistas, aos que lle une unha gran amizade e respecto mutuo polo seu traballo, e que para min será unha honra e un pracer poder presentalos.

Te puede interesar